1.700 libros vendidos, a nova marca da PLIC

Fai balance o Concello de Carballo da 17ª edición da Praza dos Libros de Carballo. O ambicioso programa, xa convertido nunha das referencias de feiras do libro de todo o país, completou dúas semanas de promoción da lectura, e da lectura en galego, poñendo no foco a importancia das librarías nas nosas vidas.
E precisamente os libreiros e libreiras son os primeiros agradecidos, polas vendas: máis de 1.700 exemplares vendidos, e practicamente a metade deles en galego. A mellor marca da historia da PLIC, gracias tamén á implicación das librarías participantes: Brañas Verdes, Espiral Maior Foro, Clarión, A gata tola, Á lus do candil, Espazo Lector Nobel, Teldy e Trasgo.
Como é habitual, entre os títulos máis vendidos destacan os libros presentados na feira. Pero este ano hai dous que sobresaen: De centeo de durmideiras, da carballesa Rosalía Fernández Rial, que se sitúa no máis alto con case medio cento de exemplares, e O legado da nena do sal, de Elena Gallego Abad. Dun poema as ardentes estrofas, O camiño dos faros, Entroido e As alumnas foron outro outros títulos galegos ben acollidos polo público. As vendas en castelán destacaron pola variedade de títulos, sobre todo de novela e de literatura infantil e xuvenil.
Ao éxito de vendas nas librarías participantes súmase o de asistencia ás actividades programadas, moi variadas, que encheron os catro días da plic!, un aspecto que destacou tamén a concelleira Ángeles Pacoret. E todo en perfecta harmonía co mercado do xoves e a feira do domingo, que é un dos aspectos mellor valorados polos libreiros e libreiras.
Ao longo dos catro días realizáronse unha trintena de actividades, incluído o pregón de Xurxo Souto. O xoves e o domingo, precisamente coincidindo coas feiras, foron os días de maior afluencia.
A gran novidade desta edición foi a apertura do Espazo Manuel Facal, un recuncho dedicado ao noso artista máis internacional, falecido este mesmo ano, no que
puidemos atopar unha pequena escolma de libros sobre a súa obra, vídeos gravados en distintos momentos da súa vida e obxectos de gravado que utilizou no curso que impartiu no ano 2013 no Fórum Carballo.