4 artistas costeir@s engalarán Carballo nunha nova edición do Derrubando Muros de verán

00:53 13/08/22
Chega durante a segunda quincena de agosto o Derrubando Muros con Pintura – Edición Verán. E volven ser 4 artistas da zona as que engalarán 4 edificios coa súa arte urbana. Andrés Urbieta, Nerea Barrientos, Nerea Vilariño e Viki Rivadulla aumentarán a listaxe dun centenar de obras de arte que ten xa o museo a ceo aberto da vila carballesa.
Este ano todos os murais estarán situados na contorna do Parque Rego da Balsa e a antiga estación de autobuses.
- Andrés Urbieta (Carballo). Pintará na rúa Pontevedra. Carballés, estudante de Belas Artes, leva desde moi pequeno vinculado ao mundo da pintura, participando en varios concursos, colaborando con academias ou mesmo participando nalgunha exposición.
- Nerea Barrientos (Vimianzo). Pintará (xa o fixo no Rexenera) na rúa Arcebispo Romero de Lema.
- Nerea Vilariño (Carballo). Pintará na rúa Pontevedra tralo éxito do seu o cartel das Festas de San Xoán.
- Viki Rivadulla (Muxía). Pintará na rúa Pontevedra, seguramente cunha das súas bravas mulleres do mar..
Actividades paralelas
Haberá música, obradoiros, sesións...
- Obradoiro de iniciación ao muralismo. Está coordinado por Isa Bermúdez. Será o martes 23 de agosto de 10.00 a 13.30 e de 16.00 a 20.00 h. e o mércores 24 de 10.00 a 13.30 h. Está dirixido a maiores de 18 anos e conta con prazas limitadas.
- bradoiros de Parkour e de Basket Shoot. Serán dous talleres o sábado 27 de agosto de 17.00 a 20.00 h. nun dos aparcamentos situados á beira do Parque Rego da Balsa. No caso do de Parkour a idade mínima para participar son 10 anos e é necesaria inscrición previa. No caso do de Basket é para maiores de 8 anos e non é necesaria inscrición. As nenas e nenos poderán participar por orde de chegada.
Festa de peche o sábado 27 de agosto:
- 20. 00 h. Encontro cos e coas artistas participantes moderado polo Concelleiro de Turismo Xosé Regueira.
- 20. 30 h. Monólogo de Uxía. Esta polivalenta carballesa porá peche ao festival co seu humor.
- 21. 30 h. Concerto de Quercus Blues, grupo carballés habitual dos saraos da vila
- 22. 30 h. Concerto de Ambigüo, grupo de Indie-rock, da Laracha formado no 2017 por músicos que beben de moi diferentes estilos.