O Rexenera Fest achégase ás 100 obras de arte no museo a ceo aberto de Carballo

Non o cren por Galicia ou España adiante cando contas que nunha vila esquecida do occidente peninsular, un Concello aposta pola arte urbana como alicerce do proceso de rexeneración cidadá. Un Concello que organice, con fondos municipais, un festival no que o graffiti é o protagonista, traendo artistas de todo o planeta para convertir unha das vilas máis representativas do feísmo galego nun verdadeiro museo a ceo aberto. E un Concello que ademais recibe a boa acollida da veciñanza: “A verdade é que funciona moi ben, é un festival moi ben acollido pola poboación”, explica Maite Parga. “Cremos que inflúe moito a comunicación cultural cara a poboación, e notamos que xente o quere. Outras veces fas cousas e non consegues que cale tan ben”, recoñece máis que satisfeita pola acollida.
Boa mostra desa acollida, mesmo polos propietarios dos edificios-lenzos, foi o agarimo co que se recibiu o mural “Pan de Onte” (na Rúa Coruña, 3), para o que a artista vasca Udatxo se baseou nun histórico panadeiro da comarca, Marcelino, que rapidamente recoñecido polos veciñ@s traballando no seu forno coa súa muller.
Remataba así este sábado (aínda algún artista botou un par de días máis rematando o seu mural) a 7ª edición do Rexenera Fest. Facíao cunha fermosa festa de despedida con Familia Caamagno e Dj Mil. Unha música que quedará no recordo dos asistentes, pero o que quedará para sempre serán as 5 pezas que xa embelecen a vila.
Son xa, dende que en 2012-2013 nacía o proxecto “Derrubando Muros con Pintura”, 97 graffitis os creados nos últimos 9 anos, convertindo a Carballo nunha das capitais pensinulares do #streetart. 97 paradas para unha rutas que xa é referencia en todo o estado.

Ademais de Udatxo, queda xa Rúa Gravador Manuel Facal, 9, a obra de Daan Botlek. O artista holandés, deixa un mural cheo de simbolismo, algo máis complexo, co seu especial estilo característico.

A barcelonesa Alba F. Sacristán (Barcelona), deixa na Avenida da Milagrosa, 23, cun estilo pictórico moi marcado, unha escena íntima e tenra dunha parella e faille compañía a outro mural con outra parella realizado en 2021 por Iván Floro, Van Vúu, xa que están situados un fronte ao outro.

A lituana Marija Tiurina, pola súa parte, deixou a súa pegada na Rúa Oriente, 7, cun mural moi colorido cunha pandilla de xente coa casa a costas.

E o tamén holandés Twee Muizen, o que cun acento máis galego comisariado por Mutante Creativo, ofrece na Rúa Gran Vía, 87, unha moza que camiña ao horizonte co seu “Trueiro”, que dá nome á obra.
Rutas guiadas
Foron moitas as familias que practicaron o xogo de pistas para familias e a ruta do tesouro “Buscando ouro”. Ademais, foron 368 persoas as que participaron, entre particulares e escolares, nas rutas guiadas pola técnica de turismo.
Aínda que o festival conta co seu especial e intensivo programa de rutas guiadas, durante todo o ano quen queira pode descubrir os murais por diferentes medios. Concertando visitas a través do departamento de Turismo (só é necesario xuntar un grupo de persoas e encher un formulario); ou pola súa conta, xa que os murais están sinalizados en Google Maps para que calquera os visite cando queira. Cada obra conta con paneis con códigos QR con información e mesmo hai rutas personalizadas para poder facilitar as visitas na páxina web do proxecto.

Exportando experiencias
Con todo isto, Maite Parga, técnica de Turismo do Concello de Carballo, será unha das participantes na CM Málaga Cities & Museums International Trade Fair, no marco da participación da Deputación da Coruña. Un evento que celebra este ano a súa segunda edición os días 20 e 21 de xuño, e que analiza e amosa o papel das institucións culturais e as súas diferentes propostas na transformación das cidades e da sociedade, máis tamén nos fluxos turísticos e culturais. O luns 20 ás 17:30h a Deputación participará nunha mesa redonda baixo o epígrafe ‘El Arte Urbano como elemento transformador del espacio público’, con Desordes Creativas e a propia Parga.
Artigos relacionados
- Xarda: Profesionalizando o muralismo.
Novas do Rexenera
- 2022: O Rexenera Fest xa engalana as paredes de Carballo.
- 2022: O RexeneraFest volve traer o antídoto contra o feísmo.
- Agosto 21: 4 novas obras de arte e moitas experiencias tras unha nova edición do Derrubando Muros con Pintura.
- Agosto 21: A veciñanza valora a aposta do Derrubando Muros polos novos talentos carballeses.
- Xuño 2021: “O Rexenera Fest fai Carballo máis camiñable e agradable de pasear”.
- Maio 21: O Rexenera Fest, a mellor vacina contra o feísmo.
- Rexenera 20: Xosé Regueira, sobre o Rexenera Fest: "Necesitabamos osixenar a mente e a cultura é a mellor maneira de facelo”.
- Rexenera 2019: Así son os novos murais que enchen a Carballo de máis cor.
- 2019: A arte urbana segue reinventando a Carballo.
- Rexenera 2018: Carballo suma cinco novas obras de arte á súa galería ao aire libre.
- Rexenera 2017: O Rexenera Fest enche de cor as fachadas de Carballo
- Rexenera 2017: Carballo convírtese no referente en arte urbana co Rexenera Fest
- Rexenera 2016: Carballo convírtese no referente en arte urbana co Rexenera Fest.
- Rexenera 2015: Carballo, de exemplo de feismo urbanístico a gran museo ao aire libre.
- 2014: A documental que derruba muros con pintura .
- 2013: Pintando muros para derribar barreiras.