O Rexenera Fest, a mellor vacina contra o feísmo

6 novas obras de gran formato aumentarán o rico patrimonio graffitero do casco urbano carballés, convertido nun lenzo a ceo aberto, superando xa en 40 as intervencións realizadas dende 2015.
Ademais das intervencións artísticas de 6 importantes creador@s do panorama galego, estatal e internacional, o festival contará con algunhas actividades paralelas coas que o público poderá participar e desfrutar activamente do festival como son as visitas guiadas polas obras, xogos de pistas para familias, unha gymkana para adultos con premios con obra gráfica dalgúns dos artistas e entrevistas cos propios artistas participantes mediante directos en instagram.
Actividades paralelas
- XOGO DE PISTAS PARA FAMILIAS: de balde con inscrición previa en turismo@carballo.gal ou no 981 702 077, durante os 10 días de festival. Pódense recoller as pistas no Museo de Bergantiños (Rúa Martín Herrera, 8).
- “BUSCANDO OURO”: de balde con inscrición previa. Outro xogo de pistas que se celebrará o 12 de xuño ás 19:00h para maiores de 14 anos. Inscricións en turismo@carballo.gal ou no 981 702 077.
- VISITAS GUIADAS para ir vendo a evolucióin dos murais: de balde con inscrición previa en turismo@carballo.gal ou no 981 702 077. Con saídas, en grupos de máximo 8 persoas, todos os días de 11.00 a 12.00 h. pola mañá; de 20.00 a 21.00 h. pola tarde. Aberto a centros de ensino.
- “ENCONTROS NAS ALTURAS”: ENTREVISTAS COS ARTISTAS POR INSTAGRAM. Publiucaranse en FB, TW e IG.
@s artist@s
O arxentino Franco Fasoli, un dos artistas pioneiros e máis recoñecidos na dinámica escea da arte urbana arxentina e unha figura histórica esencial no panorama latinoamericano e europeo. Nas súas obra fálanos das vívidas contradiccións das sociedades actuais e da constante loita entre dominantes e dominados, a miúdo a través de exercicios simbólicos e de orgánicas composicións repletas de dinamismo.
A sevillana Ana Langeheldt, tamén coñecida como Lahe178 no ámbito do graffiti, eido onde comezou a súa carreira e onde se labrou un importante nome a finais dos anos 90 e comezos dos 2000. O seu expresivo e versátil estilo atopa a inspiración entre o folclore e a modernidade e profundiza en temáticas sobre cuestións vitalistas a través de composicións oníricas e vibrantes, en ocasións salpicadas dun certeiro e intencionado barroquismo formal.
O ordense Møu, fundador xunto a Sokram do estudio Mutante Creativo; muralista, deseñador e co-director de festivais de arte urbana como DesOrdes Creativas, Compostela Contemporánea, Cromático ou o mesmo Rexenera, ademais da súa faceta musical como Mc e productor musical do popular grupo de rap galego Dios ke te Crew.As súas obras reflexionan sobre a fraxilidade do equilibrio no crecemento colectivo e individual, entre a presunta tradición e o suposto progreso. No seu estilo predomina unha paleta de cor reducida e desaturada, coa que xera volume a través de formas planas e co uso dunha liña persistente, certeira e limpa.
A zaragozana Harsa, é outra das artistas máis activas da escea estatal, movéndose con comodidade entre distintos eidos como o editorial, o publicitario, o galerístico ou o circuito de festivais de arte urbana. A súa obra está vencellada directamente coa ilustración contemporánea, con claras referencias á cultura popular do entorno no que intervén a nivel temático e á ilustración dos anos 50 e 60 no plano estilístico, caracterízandose por unha destacada riqueza cromática e unha sofisticada síntese a través de formas planas.
O artista catalán Iván Floro, tamén coñecido como Van Vúu é un dos principais representantes dunha nova e destacada xeración de muralistas contemporáneos, vencellados entre si cun estilo e formación pictórica quizais máis clásica que as xeracións anteriores. Van Vúu desenvolve un estilo cercano ao impresionismo, as temáticas tratadas nas súas obras, versátiles e frescas, derivan desa pertenza á xeración dos 90; seriedade, ironía, certo frikismo xeracional e certa nostálxica rebeldía mestúranse para plasmar lembranzas da infancia ou imaxes do presente tintadas de referencias á contracultura actual.
A madrileña Marta Lapeña é outra das artistas desta nova xeración de muralistas nados nos 90 pero cunha formación pictórica máis clásica, e que como o catalán Van Vúu, veñen pisando moi forte nos úlitmos anos. A súa carreira móvese entre galerías, feiras de arte e festivais de arte urbana e a súa obra caracterízase por unha pincelada solta e expresiva, coa que trata temáticas moi ligadas ao territorio no que intervén e nas que o compoñente social e cultural son crucias nas súas narrativas.
Novo mural para o CEIP A Cristina
Paralelamente, o muralismo espállase por Carballo e Mon Lendoiro e Cristina Castro retoman o proxecto de facer un mural sobre igualdade, nunha das paredes do pavillóns, no CEIP A Cristina.
Artigos relacionados
Novas do Rexenera
- Maio 21: O Rexenera Fest volve para seguir curando Carballo.
- Rexenera 20: Xosé Regueira, sobre o Rexenera Fest: "Necesitabamos osixenar a mente e a cultura é a mellor maneira de facelo”.
- Rexenera 2019: Así son os novos murais que enchen a Carballo de máis cor.
- 2019: A arte urbana segue reinventando a Carballo.
- Rexenera 2018: Carballo suma cinco novas obras de arte á súa galería ao aire libre.
- Rexenera 2017: O Rexenera Fest enche de cor as fachadas de Carballo
- Rexenera 2017: Carballo convírtese no referente en arte urbana co Rexenera Fest
- Rexenera 2016: Carballo convírtese no referente en arte urbana co Rexenera Fest.
- Rexenera 2015: Carballo, de exemplo de feismo urbanístico a gran museo ao aire libre.