Martes. 08.10.2024
El tiempo

80 persoas reciben formación laboral nun Fórum Carballo que propón un novo Obradoiro

Cursos FORUM Carballo
Visita de Candamín ao Obradoiro de Emprego carballés
80 persoas reciben formación laboral nun Fórum Carballo que propón un novo Obradoiro

Arrincaron de novo os cursos formativos enfocados ao emprego do Forum Carballo. Cursos moi demandados, que ofrecen a 80 veciños e veciñas unha preparación precisa para acceder ao mercado laboral en cinco especialidades cunha alta demanda.

Falamos dos cursos de cociña, operacións auxiliares de montaxe e instalacións electrotécnicas e de telecomunicacións en edificios, soldadura con electrodo revestido e TIG e montaxe de mobles e elementos de carpintería que comezaron estas semanas, e nos que hai 60 persoas inscritas.

Paralelamente outras 20 persoas participan no obradoiro dual de emprego “Carballo Coida”.

A formación concreta compleméntase con accións puntuais como a visita realizada á semana pasada á sede da ONCE en Galicia ou a sesión sobre terapias asistidas con animais na que participaron onte, coa colaboración do centro especializado Candamín, con gran experiencia no traballo con colectivos como a infancia, as persoas maiores, con discapacidade física ou intelectual e vítimas de violencia de xénero, entre outros.
Algunhas destas accións formativas extraordinarias son compartidas polo alumnado do obradoiro “Carballo Coida” e o do curso de Cociña, como a charla sobre alimentación saudable e patoloxías que ofreceu este luns a nutricionista María Viña.

Novo programa

Esa relación entre saúde e nutrición é, precisamente, o eixo arredor do cal xira o novo proxecto de obradoiro que vén de aprobar a Xunta de Goberno Local para presentar a solicitude de subvención, por 524.464 euros, á Xunta de Galicia. “Fórum Dual” é unha acción formativa na que pretendemos involucrar a outras 20 persoas: 10 na especialidade de cociña e 10 en atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, buscando o vínculo entre a alimentación e a atención ás persoas maiores, con diversidade funcional ou menores con distintas patoloxías.

Máis novas sobre Formación

Comentarios