domingo. 08.12.2024
El tiempo

#8M: Carballo volve escoitar a mulleres referentes nos seus eidos profesionais

As Mulleres 9M Carballo
#8M: Carballo volve escoitar a mulleres referentes nos seus eidos profesionais

Xa o ano pasado as xornadas "As mulleres teñen a palabra”, foron todo un éxito puidendo comprobar que "na nosa contorna máis inmediata hai mulleres que son referentes nas súas profesións".

    
De aí que o Concello de Carballo continúe con este programa, formulando unha mesa redonda e unha serie de actividades para toda a familia de cara a este 9 de marzo, 

A cita deste #8M para os adultos, seguindo o camiño da I Feira do Día da Muller e a Nena na Ciencia, trata de visibilizar ás mulleres referentes nos seus ámbitos coas que contamos na comarca. Así, poderemos coñecer as experiencias e as opinións de catro carballesas con perfís moi diferentes pero que teñen en común, á parte das súas raíces, que todas teñen profesións ou ocupan postos desempeñados maioritariamente por homes:
    

  • Xanel Vecino Bello, doutora en Enxeñería Química pola Universidade de Vigo e investigadora post-doutoral no departamento de Enxeñería Química da Universidade de Vigo. A súa investigación céntrase no tratamento sostible de residuos para xerar produtos de valor engadido, como poden ser os deterxentes naturais ou absorbentes ecolóxicos, mediante o concepto de economía circular.
  • Divina Rocío Porteiro Pérez, ou Rocío Pérez, como a coñece todo o mundo dentro e fóra de Carballo. Aínda que a súa faceta máis popular é a de cantante solista, Rocío tamén traballa como condutora de autobús e experta en fogos de artificio. Ao longo da súa vida ten ocupado os postos laborais máis diverso, case sempre en profesións masculinizadas. 
  • Laura Recarey Regueira, enxeñeira técnica forestal. Despois de desenvolver traballos puntuais de defensa contra incendios forestais e dunha breve experiencia na emigración en Londres, no ano 2014 incorporouse á explotación familiar e impulsou a creación de Horta Baldaio. Desde o 2021 traballa como enxeñeira técnica forestal para a Administración.
  • Laura Seoane Couto "Seo", é docente, pero a súa participación no encontro está relacionada coa actividade que veu desempeñando ao longo da súa vida no mundo do fútbol, primeiro como xogadora e despois como adestradora. 

A xornada comezará ás 19.00 e celebrarase na Escola de Hostalaría do Fórum Carballo. Debido a que a capacidade é limitada, as persoas interesadas en asistir deben inscribirse enviando os seus datos ao correo electrónico [email protected].

SOBREMESA MUSICAL E LUDOTECA

Despois da mesa redonda celebrarase unha sobremesa musical, na que se servirá un aperitivo e na que contaremos coa actuación do dúo Black Acoustic, que no seu espectáculo Voces de muller fai un percorrido polos grandes temas da música soul intepretados por mulleres como Aretha Franklin, Nina Simone ou Beyoncé.

Ademais, para facilitar a asistencia de toda a familia, dende as 19.00 ata as 22.00 horas funcionará un servizo de ludoteca onde a rapazada estará atendida por monitores e poderá participar en xogos cooperativos, deportivos e musicais, e talleres. Para os máis peques haberá un recuncho baby que inclúe zona de lectura, xogos populares e pinta e colorea.
Na inscrición para participar na xornada deberá indicarse o número de persoas asistentes e, no caso dos/as nenos/as, as súas idades.
    

Comentarios