Mércores. 24.04.2024
El tiempo

A Escola de Hostalería de Carballo terá que retrasar a súa posta en marcha

A Escola de Hostalería de Carballo terá que retrasar a súa posta en marcha
sesion-de-hostaleria-no-forum-carballo A Escola de Hostalería retrasa a súa apertura

Non poderán comezar este curso os 65 alumnos da pioneira Escola Municipal de Hostalería que o Concello de Carballo está creando. O Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais estimou o recurso interposto por unha empresa contra os pregos utilizados no procedemento de contratación dos servizos de formación e ordenou a “retroacción do procedemento ao momento anterior á aprobación dos citados pregos”, é dicir, volver a iniciar o proceso.

Á hora de valorar as ofertas dos licitadores o Concello estableceu, entre outros criterios, que se valoraría, entre outros aspectos, os proxectos promovidos por licitadores con premios a nivel galego ou estatal ou con recoñecementos como a Estrela Michelín ou o Sol Repsol. Pero o tribunal entende que estes premios e recoñecementos "están directamente relacionados coas características e circunstancias das empresas, e non están vinculados ao obxecto do contrato, polo que non poden ser tomados en consideración para valorar as súas ofertas técnicas, razón pola que procede a estimación do presente recurso”, segundo expón. En definitiva, o tribunal sinala que tales recoñecementos poderían ser admitidos como criterios de adxudicación se fosen “referido ao concreto equipo ou persoal ofertado para impartir os servizos de formación de cociña, que fora premiado ou distinguido, ben directamente a título persoal, ben indirectamente como integrante do persoal de cociña do restaurante premiado, o subcriterio de adxudicación citado sería admisible en canto que cualificaría ao elemento persoal da oferta presentada”. Curiosamente, o recurso contra os pregos presentouse na segunda convocatoria do concurso público, e non na primeira, que foi declarada deserta pola mesa de contratación do Concello de Carballo porque o único licitador que cumpriu todos os requisitos incorreu en baixa temeraria e o equipo técnico encargado da valoración das ofertas entendeu que a xustificación que ofrecía era insuficiente. A empresa en cuestión presentou un recurso contra a inadmisión desa baixa temeraria que aínda está pendente de resolución.

Agora, o Concello de Carballo terá que agardar ao remate deste proceso antes de tomar unha decisión pero avaliará diferentes opcións para a posta en marcha da formación en cociña e poñer en marcha o investimento de 308.550 euros en tres anos. En todo caso, o Concello segue convencido “da necesidade de converter as instalacións da Escola de Hostalaría do Fórum no centro dun proxecto formativo competente e innovador, que satisfaga as necesidades do tecido empresarial, do demandante de emprego e do ámbito territorial local e comarcal”.

Á marxe da formación en cociña, o vindeiro mes comezará un curso de servizos de bar e cafetería para persoas desempregadas e continúan as actividades formativas, tanto propias do Concello de Carballo como promovidas por outras entidades, dirixidas tanto a parados/as como a empresarios/as do sector da hostalaría.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios