![Os escolares puxeron as "multas da vergoña" nos coches mal estacionados]()
Os escolares puxeron as "multas da vergoña" nos coches mal estacionados
Un grupo de alumnos e alumnas do CEIP Bergantiños, de Carballo, convertíronse por uns minutos en axentes da Policía Local para concienciar sobre a importancia da mobilidade sostible, principalmente en zonas escolares. Así, pouco antes do comezo da xornada lectiva, un grupo de nenos e nenas do
CEIP Bergantiños saíron onte ás rúas da contorna do centro para concienciar aos condutores e condutoras sobre seguridade viaria a través das
"multas da vergoña", unhas
sancións simbólicas, carentes de contía económica pero coa mensaxe "Multa da vergoña. Vostede está obstruíndo un dos poucos espazos destinados aos peóns. Non nos obrigue a pasar por lugares de risco".
![Axentes da Policía Local de Carballo acompañaron aos alumnos e alumnas do CEIP Bergantiños]()
Axentes da Policía Local de Carballo acompañaron aos alumnos e alumnas do CEIP Bergantiños
Con moitos azos e entusiasmo e asesorados pola
Policía Local de Carballo, que os acompañou en todo momento, os rapaces e rapazas percorreron as zonas de estacionamento para comprobar que os vehículos non estaban en dobre fila, invadindo vaos ou espazos reservados para discapacitados, ou mesmo invadindo pasos de peóns e beirarrúas. Afortunadamente, non atoparon moitos infractores, aínda que algún acabou con todas as multas que levaba.
Así, os momentos de entrada e saída dos colexios poden ser bastante caóticos, nomeadamente nos días de choiva, ao xuntarse os nenos e nenas que van andando, cos vehículos das nais e pais dos cativos e cativas que van en coche e co transporte público, sendo cotiás os estacionamentos indebidos e a invasión dos espazos reservados para os peóns a pesar da vixilancia da Policía Local.
![As multas da vergoña, sen sanción económica, pretenden concienciar aos conductores sobre a importancia da mobilidade sostible]()
As multas da vergoña, sen sanción económica, pretenden concienciar aos conductores sobre a importancia da mobilidade sostible
O obxectivo final desta campaña é que tanto nenos e nenas, como os adultos que de cotío os levan aos centros de ensino, comprendan a necesidade de traballar a prol dunha
mobilidade sostible e de respectar as normas de circulación. Mañá mércores, a mesma campaña terá lugar na contorna do CEIP Fogar.
Fonte
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.gal)
- Concello de Carballo