A pequehorta de Carballo ferve por primavera
Temporada de traballo no campo, sen dúbida. E se non que llo pregunten aos peques de Carballo. Estes días están a tope co novo Horto Ecolóxico Infantil Municipal. Unha aposta do Concello carballés coa colaboración de entidades tan comprometidas como Adega e Senda Nova.
Os peques comezan estes días con sesións teóricas antes de collelo sacho. Catro obradoiros dirixidos a alumnado de Primaria, e un para pequerrechiñ@s de dous a cinco anos, inician a súa andaina, de balde, nesta segunda quincena de maio.
Obradoiros son xardín ornamental, sobre o cultivo no horto e sobre a utilización da compostaxe.
Pequefeiras para fomentar o cooperativismo
A cousa non quedará na horta, e para que os cativos vivan a experiencia completa, a partir do vindeiro curso os nenos e nenas crearán unha cooperativa cos produtos que cultiven e para artellar as “Pequefeiras”, nas que venderán o obtido do seu traballo. Unha acción semellante á que levan os rapaces do Fonteboa co proxecto Sabor Emprendedor.
Así terán o ciclo completo: aprender a entender a terra e a cultivala; aprender a xestionar os cartos, a controlar os gastos, a amortirzar os costes, a solicitar permisos e a reutilizar o diñeiro obtido para avanzar no proxecto… “Os nenos e as nenas entrarán en contacto coa terra e co campo como modo de vida, sempre de maneira lúdica e divertida, e ao mesmo tempo sementando neles o espíritu de iniciativa, de emprendemento, de cooperación e de xestión”.