AJE arrinca en Carballo un programa piloto de apoio ao emprendemento rural
Comezaba onte o Fórum Carballo unha iniciativa formativa de AJE Galicia. A Asociación de Jóvenes Empresarios, en colaboración coa Xunta de Galicia e o Concello de Carballo, comezaba co proxecto “Impulso rural“, sendo Carballo o concello piloto, o primeiro que recibe esta experiencia formativa na que participan 10 emprendedores/as e pemes do noso concello e do resto da comarca cun total de 9 proxectos.
O obxectivo é facilitarlles as ferramentas necesarias para que poidan impulsar os seus negocios no actual contexto económico. Neste sentido, o programa combina asesoramento personalizado e talleres formativos en habilidades clave, coa innovación, o deseño de negocio e a dixitalización como elementos transversais. Cada empresa terá acceso a 18 horas de formación e 6 horas de asesoramento individual, conducidas por un mentor de proxecto e un mentor especialista que se asignará en función das necesidades de cada proposta.