![Os alumnos usaron duas maquinas de brazo articulado para realizar as practicas]()
Os alumnos usaron dúas máquinas de brazo articulado para realizar as prácticas
O alumnado do
curso de prevención de riscos laborais - PRL - específico para a utilización de aparatos elevadores realizou as súas prácticas no Fórum Carballo con dúas máquinas de brazo articulado diésel e tesoira de 12 metros de altura. A formación específica para estes traballadores desenvolveuse ao longo do pasado luns e de onte, e incluíu tamén unha parte teórica.
O de aparatos elevadores é unha das cinco especialidades de PRL que ofrece a Bolsa de Traballo - BDT - do concello de Carballo aos seus usuarios e usuarias.
En total están a formarse nas instalacións do Fórum preto de 200 persoas desempregadas, que deste xeito poderán mellorar a súa formación e, en consecuencia, a súas oportunidades de inserción laboral.
Entre o mes de maio e o actual están a levarse a cabo un total de
oito cursos de cinco especialidades diferentes do sector da construción: nivel básico de prevención de riscos laborais na construción, e catro específicos para os sectores de electricidade, aparatos elevadores, albanelería e encofrados.
Hoxe, entre as 08:30 e as 14:30 horas, impartirase o curso específico de albanelería, e mañá, no mesmo horario, o de encofrados. Ámbolos dous terán seis horas de duración. A Concellería de Promoción Económica do Concello de Carballo aposta por este tipo de accións formativas, que contribúen a mellorar a empregabilidade das persoas usuarias da Bolsa de Traballo e, sobre todo, prepáranas para afrontar o traballo coas máximas garantías de seguridade e a minimizar, en consecuencia, os riscos laborais en sectores como son os relacionados coa construción.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com).
- BDT Carballo.