sábado. 27.06.2026
El tiempo

Milagres do P. Ignacio García Gómez: un xesuíta en Chile natural de Bergantiños

Igrexa de San Breixo de Oza, parroquia de nacemento do P. Ignacio García. Foto do autor
Igrexa de San Breixo de Oza, parroquia de nacemento do P. Ignacio García. Foto do autor
Milagres do P. Ignacio García Gómez: un xesuíta en Chile natural de Bergantiños

Antes de facer unha pausa estival e interromper por un tempo estas colaboracións de divulgación histórica, queremos achegar aos lectores a figura do P. Ignacio García Gómez, un destacado relixioso xesuíta nacido en xaneiro de 1696 na parroquia de San Breixo de Oza, en Carballo, e falecido en olor de santidade en Santiago de Chile o 2 de outubro de 1754. Tras cursar estudos na Coruña e en Salamanca, o P. García cruzou o Atlántico como misioneiro. Nas terras americanas desempeñou responsabilidades de relevo tanto no ámbito docente como á fronte de varios dos colexios que a Compañía de Xesús posuía naquela rexión. A súa fonda devoción á Virxe da Pastoriza de Arteixo levouno, ademais, a promover na capital chilena un templo dedicado á imaxe, vinculado á fundación dunha nova comunidade de monxas dominicas. A súa morte causou unha profunda conmoción entre os habitantes da cidade. A partir de entón comezaron a difundirse numerosos favores atribuídos á súa intercesión. Xa en vida os seus contemporáneos lle recoñecían dons extraordinarios e, por este motivo, tras o seu pasamento intentouse, aínda que sen éxito, impulsar a súa causa de canonización.

Precisamente daqueles trámites conservamos un interesante manuscrito, cuxa transcrición verá proximamente a luz, no que se recollen diversos milagres atribuídos a este bergantiñán. Entre os prodixios que se lle recoñeceron en vida destacaba o don de examinar as conciencias. Así, cóntase que un estudante pensaba abandonar a vida relixiosa para contraer matrimonio, aínda que dubidaba de se aquel camiño lle traería a felicidade que procuraba. Sen que o mozo lle manifestase as súas intencións, o P. Ignacio foi quen de descubrir os seus pensamentos e convenceuno para que perseverase na vocación que desde sempre sentira. O estudante permaneceu na vida relixiosa e acadou nela notables éxitos. Noutra ocasión presentáronselle dous irmáns, Ignacio e Xavier, fillos de Xosé Antonio Zapata. Ambos desexaban ingresar na Compañía de Xesús. O maior parecía decidido, mentres que o menor espertaba poucas esperanzas entre os seus parentes, que o imaxinaban axiña de regreso ao fogar. O xesuíta, porén, prognosticou o contrario: quen dubidaba perseveraría, e quen parecía firme acabaría abandonando. Os feitos encargáronse de confirmalo pouco despois.

Outro dos dons que se lle atribuían era o de predicir acontecementos futuros. Durante as xestións para a fundación do convento dominico anunciou que unha das fundadoras morrería en pouco tempo, outra regresaría ao seu mosteiro de orixe e a terceira permanecería na nova casa. Así sucedeu: a M. Laura faleceu, a M. Rosa volveu a Lima e a M. Antonia quedou establecida en Santiago de Chile. Tamén anunciou que dúas mozas pertencentes a unha das familias máis distinguidas da cidade ingresarían na comunidade dominica. A predición cumpriuse oito anos despois. Noutra ocasión acudiron á súa presenza dúas fillas de Xosé Arlegui, secretario do gobernador do Reino de Chile, don Gabriel de Cano. Morta a súa primeira esposa, Arlegui contraera novas nupcias con Feliciana Saz e Girón. As mozas, desexosas de abrazar a vida relixiosa na ausencia do pai, solicitaron o consello do xesuíta. O P. Ignacio mediou ante a madrasta para obter o seu consentimento e engadiu unha nova predición: outra irmá da familia acabaría ingresando nun convento de agostiñas. O tempo demostrou tamén a certeza deste anuncio, ao profesar Tadea Arlegui naquela orde.

As curacións constituíron outro dos capítulos máis salientables da fama de santidade que rodeou o relixioso bergantiñán. Entre elas figura a de dona Micaela de Mesía e Munive, esposa de Luis de Ureta e Carrera e filla dos Condes de Sierra Bella. Cando se atopaba próxima ao parto, a criatura que levaba no ventre faleceu, provocándolle graves complicacións e abondosos sangrados que facían temer pola súa vida. Chamado para confortala nos seus derradeiros momentos, o P. Ignacio orou por ela. Pouco despois, a enferma comezou a mellorar, expulsou os restos do feto e recuperouse por completo. Mais os prodixios non rematarían coa súa morte. O 9 de outubro de 1754, por disposición previamente manifestada polo propio relixioso, extraeuse o seu corazón para darlle sepultura diante do altar da Virxe da Pastoriza. O encargado da operación foi Patrick Geth, un inglés convertido ao catolicismo tras abandonar o protestantismo. Coñecido pola súa xenerosidade cara aos máis necesitados, sufría desde había tempo unha ferida no tórax que ningún remedio lograba curar. Mentres manipulaba o corazón do xesuíta, lembrou os seus méritos e, invocando o seu auxilio, achegou a reliquia á chaga. Nos días seguintes a ferida cicatrizou completamente.

Tras as exequias celebradas pola súa alma, a devoción popular desatouse. Moitos fieis procuraron obter algún fragmento das súas vestiduras para conservalo como reliquia. Un destes anacos foi aplicado á pequena Eulalia Herrero, filla do capitán Xosé Herrero e Isabel Martínez. A nena, de apenas un ano, padecía unha enfermidade tan grave que se temía polo seu falecemento inminente. Os pais recorreron á reliquia e encomendaron a saúde da criatura á intercesión do xesuíta. Segundo o relato, a cativa recuperouse de inmediato. Casos semellantes atribuíronse tamén á curación de Paulina Barregas, filla de Xosé Barregas e María de Vargas, así como á dunha criada ao servizo do rexedor Pedro Ortiz, na cidade de Mendoza. Esta última sufrira un grave desmaio con risco de morte e, despois de lle aplicaren un pequeno fragmento da sotana do P. Ignacio, recobrou a saúde e reincorporouse ao instante ás súas ocupacións habituais. Estes son algúns dos feitos extraordinarios que a tradición e a documentación conservada atribúen a Ignacio García Gómez, un bergantiñán que deixou unha fonda pegada na sociedade chilena do século XVIII e cuxa memoria continúa viva a través dos relatos da súa fama de santidade.

Outros artigos de Luís Bermúdez sobre patrimonio eclesiástico

Comentarios