Xoves. 02.05.2024
El tiempo

A Antoloxía Poética de Labarta Pose chega hoxe a Carballo

ANTOLOXÍA DE LABARTA POSE Espazo Maior For Carballo
A Antoloxía Poética de Labarta Pose chega hoxe a Carballo

Moito falamos estes días de Labarta Pose, e moito máis teremos que facelo cando a Real Academia Galega se decida a dedicarlle o Día das Letas Galegas. Esta semana, o Museo do Pobo Galego acollía a presentación da Antoloxía Poética do autor baiés realizada polo Concello de Zas, e o escritor Miro Villar debullaba as razóns que esgrime a comarca para pedir a homenaxe autonómica.  

E a xira da Antoloxía non para. Hoxe venres 19 de abril, ás 20:00 h., Espiral Maior Foro de Carballo (Rúa do Sol, 34), terá lugar o acto de presentación do libro “Antoloxía Poética” de Enrique Labarta Pose, publicado pola Editorial Galaxia en edición realizada por Xosé Manuel Varela e Xosé María Rei Lema. Participará na presentación, ademais dos dous antólogos do poeta baiés, o poeta e director de Espiral Maior Foro Miguel Anxo Fernán Vello.

LIBRO DE MEMORIAS DE TUCO CERVIÑO

Así mesmo, o espazo cultural acolle mércores 24 de abril, ás 20:00 h., tamén terá lugar a presentación do libro de memorias “Un taxi verde e un concerto” (Editorial Galaxia), do que é autor o médico, ex xerente do Hospital Universitario da Coruña e do Gregorio Marañón de Madrid, ademais de ex deputado no Parlamento de Galicia, Tuco Cerviño (Pontevedra, 1945). Participarán na presentación da obra (un libro de 500 páxinas) o sociólogo e crítico de teatro carballés Santiago Pazos e o director de Espiral Maior Foro Miguel Anxo Fernán Vello.

EXPOSICIÓN DE PINTURA DE MIGUEL ANXO FERNÁN VELLO

E pouco despois, co título “Grammáticas e Iluminacións”, o martes 7 de maio, ás 20:00 h., terá lugar a inauguración dunha exposición individual de obra pictórica de Miguel Anxo Fernán Vello, que ofrecerá ao público máis de 40 obras realizadas en diversas técnicas. Participarán na presentación desta mostra pictórica o historiador e pintor Carlos Pereira, a profesora e crítica literaria Teresa Seara e o violinista da Orquesta Sinfónica de Galicia Florian Vlashi.

Máis novas

Comentarios