Xoves. 30.05.2024
El tiempo

O Museo do Pobo Galego destacou a actualidade da obra de Labarta Pose

Presentacion no Museo do Pobo Galego do libro de Labarta Pose
O Museo do Pobo Galego destacou a actualidade da obra de Labarta Pose

Presentouse este martes 16 de abril no Museo do Pobo Galego a "Antoloxía Poética" de Enrique Labarta Pose. Un fito importante na loita que leva o Concello de Zas para conseguir recoñecemento do autor baiés como protagonista do Día das Letras Galegas.

No acto, presentado polo director do MPG, o muxián Manuel Vilar, interviron os propios editores do traballo, Xosé María Rei Lema e Xosé Manuel Varela Varela; o director de Produción da Editorial Galaxia, Xesús Domínguez Dono; Jorge Mira Pérez, voceiro da Comisión Enrique Labarta Pose; e Manuel Muíño, alcalde do Concello de Zas.

Todos destacaron a estensa obra de Labarta na que trata temas de plena actualidade, como son a defensa do galego, o animalismo, a igualdade de xénero ou a emigración, entre outros.

Manuel Vilar e Lolo Muino co llibro de Labarta Pose
Manuel Vilar e Lolo Muíño co libro de Labarta Pose

O libro, editado por Galaxia, é, en palabras do director de Produción da editorial, 𝐗𝐞𝐬𝐮́𝐬 𝐃𝐨𝐦𝐢́𝐧𝐠𝐮𝐞𝐳 𝐃𝐨𝐧𝐨, un paso máis na divulgación dun "persoeiro tan senlleiro e, á vez, tan pouco coñecido" e “unha vía para achegalo a todas as xeracións e tamén á Real Academia Galega”. Un libro que recolle corenta poemas escritos en lingua galega

Entre os motivos para darlle o Día das Letras Galegas, 𝐉𝐨𝐫𝐠𝐞 𝐌𝐢𝐫𝐚, voceiro da Comisión Enrique Labarta Pose para as Letras Galegas, porque 2025 será o ano do centenario do seu pasamento. Tamén, pola propia valía do que foi un gran literato que cultivou todos os xéneros literarios e destacou tamén como xornalista e fotógrafo a finais do século XIX nas cidades de Santiago e Pontevedra. E, do mesmo xeito, porque "sería de xustiza elixir por fin un autor do século XIX" que ademais "foi motor cultural en todas as artes que pisaba". Razóns polas que, segundo Mira, "non sería xusto deixar máis tempo pendente o recoñecemento".

Ao listado de argumentacións para un Día das Letras para o autor baiés, o alcalde de Zas, 𝐌𝐚𝐧𝐮𝐞𝐥 𝐌𝐮𝐢́𝐧̃𝐨 𝐄𝐬𝐩𝐚𝐬𝐚𝐧𝐝𝐢́𝐧, sumou tamén os 25 anos que a Comisión leva traballando para que así sexa e o "premio" que suporía para un concello, o de Zas, e unha comarca, a da Costa da Morte, que "soña en galego" e que "sente a Labarta Pose como propio", entre outras cuestións, polo moito que fixo por "achegar a literatura á xente humilde, á xente de a pé”.

Máis novas

Comentarios