luns. 12.05.2025
El tiempo

Aprobada a solicitude de ampliación do polígono industrial de Bértoa

Aprobada a solicitude de ampliación do polígono industrial de Bértoa
pleno-carballo No pleno extraordinario do pasado luns aprobáronse por unanimidade varios acordos A corporación municipal aprobou por unanimidade no pleno ordinario celebrado o pasado a solicitude de inicio de tramitación dos proxectos sectoriais de ampliación do polígono industrial de Bértoa. O obxectivo é anticiparse ás necesidades futuras de solo industrial, xa que un procedemento administrativo deste tipo pode prolongarse uns cinco anos e no polígono carballés hai unha demanda constante de solo por parte das empresas, como demostran as adxudicacións de parcelas que realiza Xestur en cada consello de administración e as licenzas para naves que se tramitan no propio concello de Carballo. A ampliación abranguería os dous sectores incluídos na segunda fase do parque empresarial, de 230.454 e 59.089 metros cadrados útiles, dos que Xestur xa posúe unha parte de 59.089 metros cadrados. Por unanimidade foi aprobada tamén a solicitude da desafectación das antigas casas dos mestres, na rúa Vázquez de Parga, un total de 24 vivendas distribuídos en catro bloques das que algunhas xa foron desafectadas e son utilizadas pola asociación antidroga Vieiro, a asemblea local da Cruz Vermella e o CRA Ponte da Pedra. O obxectivo do concello de Carballo e arranxar o inmoble para crear un espazo solidario, fundamentalmente. Festivos locais No pleno do luns tamén se aprobaron os festivos locais para o ano 2018, que serán o martes de Entroido, 13 de febreiro, e o 25 de xuño. Tamén foi unánime o apoio á moción do PSOE relativa ao abastecemento de auga ás parroquias do litoral. A voceira socialista, Mari Carmen Vila, incluíu un rogo para que se teñan en conta tamén outras parroquias como Cances e Goiáns. O único asunto que non obtivo o apoio de toda a corporación foi a conta xeral do concello correspondente ao exercicio 2016, na que se abstivo toda a corporación. O PSOE presentou un rogo relativo á tramitación dun estudo xeolóxico sobre os noiros de Razo encargado polos propios socialistas. O alcalde, Evencio Ferrero, informou de que o mesmo día que se recibiu foi remitido á Demarcación de Costas. O PP formulou preguntas sobre a reposición de puntos de luz, melloras no IES Alfredo Brañas e no complexo deportivo das Eiroas, a estrada de Arnados e o apoio de Evencio Ferrero aos alcaldes cataláns. En canto aos rogos, referíronse á expedición dunha tarxeta para os residentes das rúas peonís, a mellora das rúas Salgueiro e Lirios, o cambio do aparcamento da rúa Caión ou as actas dos consellos parroquiais. Pola súa banda, Terra Galega pediu nos rogos a instalación de xogos adaptados e a convocatoria dos consellos sectoriais e de barrio. As preguntas versaron sobre a convocatoria do Consello Municipal de Deportes, o cambio de tubaxes e o aparcamento para camións no polígono de Bértoa, as obras do canon da auga, o arranxo dos vestiarios do CEIP Bergantiños, a plantación de árbores en Sofán, o gabinete de comunicación ou as normas de uso da parada de taxis principal. Novas relacionadas Fonte
  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
  • Concello de Carballo

Comentarios