Sábado. 24.08.2019
El tiempo

Arrincan as obras da praza de Aldemunde, en Carballo

A intervención completarase co adecentamento da antiga escola unitaria.
Arrincan as obras da praza de Aldemunde, en Carballo

Na parroquia carballesa de Aldemunde xa se está traballando para dotar dun novo espazo de uso veciñal á parroquia máis pequena do noso concello. Nestes momentos están en execución as obras de construción dunha praza no terreo da antiga escola unitaria, atendendo deste xeito a demanda expresada pola veciñanza a través do Consello Parroquial. Ata alí achegáronse o alcalde, Evencio Ferrero; a concelleira de Planificación, Milagros Lantes, e o concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane, aproveitando o arranque dos traballos.

O proxecto, executado pola empresa Construcciones Vázquez y Reino cun orzamento de 98.736 euros, inclúe a demolición dos muros exteriores, o palco da música, a beirarrúa perimetral e as escaleiras de acceso, ademais da limpeza e o acondicionamento do terreo para diminuír a pendente actual. A partir de aí realizarase unha obra que permitirá gañar unha praza de uso cotiá e tamén para as festas. Con esa finalidade pavimentarase con formigón parte do espazo e construirase un novo muro de peche con varandas de madeira, ademais de soterrar o tendido eléctrico e de plantar catro novas árbores: 2 carballos e 2 castiñeiros, que garantirán a sombra.

Pero a actuación estenderase máis adiante á antiga escola. Ademais da eliminación das barreiras arquitectónicas construíndo unha rampla de acceso con varanda de protección de aceiro inoxidable, tal como figura no proxecto da praza, o Concello de Carballo está preparando un proxecto complementario para acondicionar o edificio conforme ao escaso uso que ten e á súa integración no renovado espazo que ocupa, moi próximo, ademais, ao conxunto parroquial formado pola igrexa e o cemiterio. Deste xeito procederase non só ao pintado exterior, senón tamén á renovación das ventás e do tellado, entre outros traballos menores.

Comentarios