Formación familar e inclusión deportiva coa familia de Un Paso Máis
A asociación Un Paso Máis vén de pechar unha fin de semana intensa e moi enriquecedora, marcada polo éxito de convocatoria na súa área de formación e pola ilusión do deporte base,
Este pasado sábado, o ciclo de obradoiros familiares fixo unha nova parada no Casino de Carballo, logrando colgar o cartel de aforo completo. A cita estivo centrada no manexo das condutas disruptivas e contou coa inestimable guía de Silvina Lema, mestra de educación infantil e presidenta de Disciplina Positiva España. Durante a mañá, os asistentes puideron dotarse de multitude de solucións e ferramentas prácticas para aplicar de xeito sinxelo no día a día na casa. Ao remate, as familias mostraron a súa enorme satisfacción cos resultados da sesión, manifestando abertamente o seu desexo de repetila noutra ocasión.
Dando continuidade a este exitoso ciclo, a asociación xa ten fixada a súa vindeira cita formativa para o sábado 11 de abril. Nesta ocasión, o encontro estará protagonizado polo eminente psiquiatra Juan Carlos Díaz del Valle, quen abordará unha temática de grande interese baixo o título "A medicación, para que serve e para que non". Como xa é costume nestes encontros, e co obxectivo de facilitar a asistencia e a conciliación familiar, habilitarase un servizo de canguraxe apoiado polo equipo de O Recreo animación, o que permitirá que as nais e pais poidan desfrutar da charla con total tranquilidade mentres os máis pequenos se divirten.
Xadrez inclusivo

Por outra banda, a fin de semana completouse cun domingo pola tarde cheo de emocións para o alumnado da actividade extraescolar de xadrez educativo. Os nenos e nenas que participan nesta iniciativa, impartida por Un Paso Máis no CEIP Plurilingüe A Gándara - Sofán e organizada pola ANPA Raiante do colexio, desprazáronse ata A Laracha para disputar a fase local do programa Xogade. Acompañados polos seus monitores, Adrián e Valentín, o grupo gozou dunha estupenda tarde de diversión e camaradería, demostrando ser un equipo verdadeiramente encantador. De premio, ademais das moitas risas compartidas e o bo ambiente, trouxeron para a casa tres medallas de prata nas categorías que participaron: sub-10, sub-12 e sub-14. Con todo, desde a asociación destacan que a verdadeira vitoria radica na propia experiencia vivida e compartida entre os rapaces, considerando os resultados no taboleiro como algo totalmente anecdótico en comparación co valor de aprender xogando.
Convenio con La Caixa

A Agrupación Deportiva Un Paso Máis agradece a renovación, un ano máis, do seu convenio de colaboración coa Fundación "la Caixa". Esta importante alianza tradúcese nunha achega económica de 5.000 euros, un recurso que volverá ser unha peza esencial para garantir a execución e o éxito do programa deportivo e social da entidade durante a presente tempada.


