Luns. 29.04.2024
El tiempo

Aspaber seguirá limpando as rúas de Carballo nos vindeiros 10 anos

Aspaber Concello de Carballo
Aspaber seguirá limpando as rúas de Carballo nos vindeiros 10 anos

27 traballadores de Aspaber seguirán limpando durante os vindeiros 10 anos as rúas de Carballo. Así o asinaron onte Concello e o Centro de Emprego da entidade de persoas con diversidade funcional, cun contrato de 555.867,57 euros anuais.  

Dende 2004 que o Concello aposta por esta empresa de economía social, a primeira do estado en acceder, naquel 2004, a unha concesión para un servizo municipal de limpeza viaria mediante concurso público.

O equipo actual está formado por 27 traballadores e traballadoras. Unha porcentaxe importante están desde o principio, e esta nova concesión vailles permitir a moitos deles acceder a unha xubilación.

A directora de Aspaber, Dolores Fernández, que asinou o contrato, e os representantes da xunta directiva presentes no acto destacaron “a implicación do Concello de Carballo coas entidades locais nos contratos reservados, en especial aqueles que van dirixidos os traballadores con especiais dificultades”. Outro gran logro acadado grazas a aposta realizada no seu día é, como indicou o encargado do servizo, José Manuel Castro Tato, “que aumenta o nivel de esixencia do cidadán, e iso é bo, porque significa que xa non nos ven diferentes”.

Nesta nova concesión, Aspaber dotarase tamén de novos medios materiais, entre eles dous vehículos eléctricos multiusos e triciclos eléctricos que, segundo explican, “axudarán na tarefa de percorridos máis longos”, así coma “unha decapadora que axudará no fregado das superficies amplas”. O centro especial de emprego Aspaber tamén incorporará un programa de accesibilidade que facilitar a organización das rutas para os/as traballadores/as.

Comentarios