Avanzan as obras de reurbanización das rúas Desiderio Varela e Ponte de Carballo
08:05 30/03/17
O alcalde de Carballo e o concelleiro de Obras durante unha visita ás obras nas que o concello inviste máis de 365.000€
Tal e como estaba previsto, antes das festas do San Xoán estarán listos os traballos de reurbaniación da rúa Ponte e da Desiderio Varela de Carballo. Tal e como foi o compromiso adquirido, as empresas constructoras levan a bo ritmo os traballos. Así o comproban a diario o alcalde carballés e o concelleiro de Obras e Servizos.
O concello de Carballo está a realizar nestas dúas vías un investimento de máis de 365.000 euros, procedentes do Plan de Aforro e Investimento - PAI - da Deputación da Coruña. Na Desiderio Varela o principal problema estaba nos servizos soterrados, que están a ser renovados por completo e mesmo ampliados. Na superficie o obxectivo é darlle continuidade á intervención realizada na primeira fase, creando unha plataforma única cunha zona peonil de 2,50 metros, carril de circulación de 3,8 metros de ancho e área de protección de 2,85 metros na parte máis próxima ao xardín.
Co principal obxectivo de mellorar a seguridade e a accesibilidade, o goberno municipal tamén optou pola plataforma única para a rúa Ponte, onde xa se procedeu nos últimos días á demolición da esquina da antiga fábrica de Conservas Calvo para poder construír unha rotonda, que mellorará de forma substancial o tráfico nese complicado cruce. Ao longo dos 164 metros da vía, na que xa están practicamente rematadas as beirarrúas, habilítanse zonas de aparcamento, e ademais plantaranse varias árbores.
Novas relacionadas
- Obras de Carballo: Pechada a rúa Ponte mentres a Desiderio Varela engalánase para San Xoán.
- Carballo adxudica as obras de reurbanización das rúas Desiderio Varela e Ponte
- Carballo mellora a accesibilidade nas contornas dos colexios San Luís Romero e A Cristina
- Redacción QPC ([email protected])
- Concello de Carballo