mércores. 30.04.2025
El tiempo

Iribarne, unha das citas destacadas da completa axenda do FIOT para esta finde

Iribarne no FIOT
Iribarne no FIOT
Iribarne, unha das citas destacadas da completa axenda do FIOT para esta finde

Cargada vén a Axenda desta fin de semana no marco da 33ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT. As princiais citas, as dúas novas propostas do seu Programa de Sala: o Premio Nacional de Literatura Dramática Alberto Conejero regresa a Carballo -onde o público xa puido gozar en 2023 da obra da súa autoría El mar. Visión de unos niños que no lo han visto nunca- con En mitad de tanto fuego (venres 11 de outubro, ás 21.00h, no Auditorio do Pazo da Cultura). 

En-mitad-de-tanto-fuego no FIOT 2024
En mitad del fuego

 

O sábado 12, ás 20.00h, no Auditorio do pazo da Cultura, collerá o relevo IRIBARNE, unha das propostas de sala máis esperadas desde #FIOT33. Sen pretender ser un biopic de Manuel Fraga, esta é unha investigación escénica sobre unha desas figuras imprescindibles do noso pasado recente. A ritmo de comedia satírica e musical percorre os momentos máis significativos da súa existencia, explorando a relevancia do poder como motor persoal, as súas implicacións e os seus mecanismos de supervivencia. A autora é Esther Carrodeguas, unha das voces máis interesantes da dramaturxia galega actual. Esta obra de gran formato coproducida co Centro Dramático Nacional e a MIT é froito dun longo traballo de documentación aberto á participación do público. É unha das grandes montaxes do teatro galego desta temporada e ademais está realizando unha xira por toda España, coa que a compañía ButacaZero segue a apostar por un teatro comprometido que dialoga coa actualidade desde unha mirada crítica e irónica.

Teatro de rúa

O Teatro de Rúa despídese do #FIOT33 na tarde de mañá venres, 11 de outubro, na Praza do Concello de Carballo, ás 19.30h, coa creación para todos os públicos Mal de tolos (consolo de moitos), de Cirkompacto, unha peza na que se mesturan clown, danza e acrobacia con humor físico, e que promete diversión e reflexión sobre a realidade de xeito ameno e divertido. O mesmo venres, xa ás 23.00h, a Rúa dos Contos amosará, tamén, a súa derradeira proposta neste #FIOT33 no que está a celebrar as súas vodas de prata, coa obra musical Os diarios de Adán e Eva. Boleros no paraíso, que poderá verse no Mercado Municipal. A compañía Paraíso Teatro proponnos un divertido paseo musical da voz de Eva e Adán, interpretados por Inés Salvado e Sergio Piñeiro, coa música en directo de Xoán Porto e Carlos Abraira e baixo a atenta mirada de Roberto Leal. Tentados por unha serpe, catro artistas de recoñecido prestixio e talento no eido escénico xúntanse  neste  proxecto no que liberar a súa excelsa creatividade, combinando as dúas artes que dominan de xeito maxistral, a interpretación e a música. Todo isto é o que se di. Pero o certo é que alí onde estean eles, está “o paraíso”.

Micro-Escenas M2

Pola súa banda, o certame de Micro-Escenas M2 -a iniciativa de teatro de proximidade do FIOT, a primeira do seu xénero creada en Galicia, que busca visualizar novos formatos e experiencias escénicas, así como apoiar a compañías e creadores emerxentes, e pode verse en espazos non convencionais e singulares de Carballo- da o seu pistoletazo de saída este sábado, 12 de outubro, coas súas primeiras propostas: Respira, de Sempre Arriba; e Cronopios a escena, de Carmen Domech.

FIOT en Ruta

Finalmente, o domingo, 13 de outubro, chegaralle a súa quenda ao FIOT en Ruta, coa representación de Molto Barroco no Centro Social de Cances, ás 18.30h. Mentres, o OTNI achegará ao Salón de Actos do Pazo da Cultura, contra ás 20.30h, a proposta Teatro de papel, un espectáculo de circo contemporáneo que, a través dunha bagaxe de monicreques extraordinarios, o clown e o teatro físico, reivindica o poder da imaxinación. A peza é obra de Rauxa Cía., unha interesante formación creada por dous artistas circenses especializados en manipulación de obxectos, acrobacia e danza, que apostan por novos horizontes onde o circo contemporáneo se atopa con novas temáticas e realidades, buscando o que aínda non foi creado. A compañía xera un universo propio, onde plasma a súa visión traxicómica e poética da vida.

 

AXENDA DO #FIOT33 DO 26 AO 29 DE SETEMBRO

VENRES 11 DE OUTUBRO

Teatro de Rúa

Mal de tolos (consolo de moitos). Cirkompacto

19.30 h na Praza do Concello 

Programa de Sala

En mitad de tanto fuego. Miramedia e Grec Festival

21.00 h no Auditorio do Pazo da Cultura

Rúa dos Contos

Os diarios de Adán e Eva. Boleros no paraíso Paraíso Teatro

23.00 h no Mercado Municipal

SÁBADO 12 DE OUTUBRO 

Micro-Escenas M²

Respira. Sempre Arriba

12.00, 13.00, 18.00 e 19.00h en Orixe Centro de Psicoloxía 

Cronopios  a escena. Carmen Domech 

12.00, 13.00, 18.00 e 19.00h en Espiral Maior Foro

Programa de Sala

IRIBARNE. ButacaZero

20.00 h no Auditorio do Pazo da Cultura

DOMINGO 13 DE OUTUBRO 

FIOT en Ruta

Molto Barroco. Píscore

18.30 h no Centro Social de Cances

OTNI 

Teatro de papel. Rauxa Cía.

20.00 h no Salón de Actos do Pazo da Cultura

Outras novas

 

Comentarios