"As mulleres que viven soas" toman o FIOT
A estrea absoluta da obra terá lugar este sábado, 5 de outubro, ás 20.00h, no Pazo da Cultura de Carballo, como apertura do Programa de Sala desta 33ª edición do FIOT.
Neste 2024, o FIOT establece unha alianza con Berrobambán, unha das compañías máis consolidadas do panorama galego, para esta estrea na que a muller e a narración oral son protagonistas. A autora da obra é Paula Carballeira, Xograresa de Outono do FIOT, que recentemente sumou aos seus numerosos galardóns o Premio Nacional de Literatura Dramática.
A orixe deste proxecto é unha sesión de contos de Paula Carballeira que, posteriormente, medraría cunha serie de podcast que recollen experiencias e retratos íntimos de mulleres Agora convértese nunha comedia híbrida entre o teatro documental, a standup comedy e o teatro isabelino interpretado por Paula Carballeira, María da Pontragha e Vero Rilo, tres das contadoras de historias máis relevantes do país, que darán voz e corpo a historias reais e personaxes femininas de ficción.