Martes. 07.12.2021
El tiempo

A Axenda doutra finde espectacular do FIOT

  • A V edición do certame de microescenas M2 acolle o sábado 23, no Parque do Anllóns, as súas dúas últimas estreas absolutas desde 2021: A miña casa é un palco de música e OldPlay
  • O público pode visitar no Pazo da Cultura, até o 29 de outubro, a exposición 30 fitos do FIOT, un percorrido polas tres décadas de historia do certame escénico, e a mostra fotográfica ZoomFIOT 2019
Solo un metro de distancia
"Solo un metro de distancia"
A Axenda doutra finde espectacular do FIOT

Afronta o XXX Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo a súa recta final. Se ben a vindeira finde aínda haberá cousas, o FIOT celebrará as últimas funcións gratuítas do FIOT Fónico e do certame Metro Cadrado.

Ademais destas funcións, o Pazo da Cultura acolle outras dúas obras do Programa de Sala: a estrea en Galicia, este venres 22, de Solo un metro de distancia, de Serena Producciones, e tamén como unha nova parada da xira do Othello, de Voadora, polo país, cuxa función terá lugar o sábado 23 de outubro.

Solo un metro de distancia, escrita e dirixida por Antonio C. Guijosa, pon o foco no abuso sexual infantil. Nesta peza, de Serena Producciones, catro actrices desdóbranse para amosarnos a distancia entre o ser que sofre e o que observa, como convivimos co dano, como somos as súas testemuñas e a incapacidade de entendernos a nós mesmos ou aos demais. Tras unha labor intensa de investigación e documentación, Guijosa escribe unha obra de conmovedora sen renunciar á delicadeza, e pola que foi finalista este ano aos Premios Max como Mellor Autoría Revelación.

Pola súa banda, o Othello de Voadora, dirixido por Marta Pazos, é unha das adaptacións máis exitosas desta tempada. Estreada no mes de maio no Teatro de La Abadía de Madrid, este Othello con dramaturxia de Fernando Epelde dá unha volta ao texto do bardo inglés e pon o foco na perspectiva feminina: a personaxe de Desdémona, interpretada por María Vázquez, narra unha historia na que Voadora quere convidar á reflexión sobre as violencias machistas, o xénero e a posverdade. Para dar a coñecer esta peza e atender as consultas do público en relación ao espectáculo, o Festival Internacional Outono de Teatro propón un Café con… o sábado 23, ás 18.30 horas no Pazo da Cultura, con Jose Diaz, produtor de Voadora e director do Othello en xira.

FIOT Fónico

Santi Romay no FIOT Fónico © Vanessa Rábade

Chegan as dúas últimas funcións dos dous espectáculos do FIOT Fónico dos que o público pode gozar nesta edición a través dos dispositivos móbiles: O espello que arde, con dobre función de venres a domingo, e a A lúa, válvula de spray.  No caso de O espello que arde, o público deberá participar nunha das funcións acompañado por membros da organización (venres e sábados ás 19 e as 20h, e domingos ás 13 e ás 19h), previa inscrición (gratuíta no correo [email protected]), mentres que no caso de A lúa, válvula de spray, a peza estará a libre disposición da veciñanza para o seu goce até o vindeiro domingo 24.
En calquera caso, podedes facela cando queirades coa aplicación Carballo a un paso.

Metro Cadrado

O sábado 23 desenvolverase tamén, no Parque do Anllóns, a terceira e derradeira xornada da V edición do Certame Metro Cadrado, que desta quenda ofrecerá as estreas absolutas de dúas pezas de teatro de pequeno formato creadas especificamente para o lugar no que se representarán: A miña casa é un palco de música, de Sara Guerrero, e Oldplay, de Antón Coucheiro. Mentres que a primeira peza terá lugar no palco de música, a segunda será na no parque infantil.

Na proposta A miña casa é un palco de música, a intérprete reconstrúe a historia da personaxe protagonista mediante relatos familiares vinculados a este espazo. No caso de Oldplay, falamos dunha creación de autoteatro, un dispositivo escénico deseñado para que sexa o público quen actúa. Así, as persoas participantes na función, recibirán unha serie de instrucións precisas a través dos seus dispositivos. Cando comece o xogo, terán que tomar decisións, realizar certas accións, interactuar entre eles e vivir a experiencia. As dúas pezas terán funcións ás ás 12.30, 13.30, 18.00 e 19.00 horas e son abertas á cidadanía. Para asistir, a organización recomenda realizar, previamente, unha reserva a través do correo [email protected]com.

 

AXENDA FIOT - Do 22 ao 24 de outubro

22.10.2021 | 19.00 e 20.00 horas
Estación Vella de Autobuses
OTNI | FIOT Fónico: O espello que arde

22.10.2021 | 21.00 horas
Pazo da Cultura
Programa de Sala | Serena Producciones: Solo un metro de distancia ESTREA EN GALICIA

23.10.2021 | 12.30, 13.30, 18.00, 19.00 horas
Parque do Anllóns. Palco da música
Certame Metro Cadrado | Sara Guerrero: A miña casa é un palco de música ESTREA ABSOLUTA

23.10.2021 | 12.30, 13.30, 18.00, 19.00 horas
Cafetaría Xardín Municipal
Certame Metro Cadrado | Antón Coucheiro: Oldplay ESTREA ABSOLUTA

23.10.2021 | 19.00 e 20.00 horas
Estación Vella de Autobuses
OTNI | FIOT Fónico: O espello que arde

23.10.2021 | 20.30 horas
Pazo da Cultura
Programa de Sala | Voadora: Othello

24.10.2021 | 12.30 horas
Feira de Carballo
Animación de rúa | O Cego na Feira: Cantares de cego

24.10.2021 | 13.00 e 19.00 horas
Estación Vella de Autobuses
OTNI | FIOT Fónico: O espello que arde

Toda a fin de semana | A calquera hora dispoñible na app Carballo a un paso
Fórum Carballo
OTNI | FIOT Fónico: A lúa, válvula de spray

Toda a fin de semana
Pazo da Cultura
Exposicións: 30 fitos do FIOT e ZoomFIOT 2019

NOVAS RELACIONADAS

comentarios