domingo. 01.12.2024
El tiempo

Baldaio, epicendo da recuperación da píllara das dunas

polos de pillaras das dunas nados en Baldaio o 18 de xullo de 2023
Oolos de píllaras das dunas nados en Baldaio o 18 de xullo de 2023
Baldaio, epicendo da recuperación da píllara das dunas

Leva moitos anos o concello de Carballo tendo un coidado especial coa recuperación da píllara das dunas, especie ameazada que ten na zona de Razo-Baldaio un dos seus últimos hábitats seguros. Onte, o Concello facía balance da campaña cría da píllara das dunas do litoral carballés. Unha campaña de "récord para Baldaio e para o conxunto de Galicia”, como destacaban os especialistas.

Presentacion datos pillara dunas carballo 2023
O  axente medioambiental Luis Amor e a a profesora e investigadora da USC María Vidal debullaron a campaña, xunto co alcalde Evencio Ferrero e o concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Vales


Das 11 parellas máis ou menos estables que hai entre Razo e Baldaio naceron un total de 40 ovos, e 33 polos chegaron a voar (un 83%). “O obxectivo do plan de conservación galego é de 1,5 polos voados por parella. En Baldaio acadouse o máximo que se pode acadar, de 3 polos voados por parella, polo que o resultado é excepcional”, asegurou María Vidal.

Desde o seu punto de vista, nos resultados influíron distintos factores, pero sobre todo aludiu ás condicións meteorolóxicas e ao “uso humano das praias”, que cada vez é máis respectuoso coa píllara grazas, dixo, ás accións de divulgación e sensibilización promovidas desde o Concello de Carballo.

Porén recoñece que "a situación non é perfecta", pero considera que “a xente de Carballo e a que vén a Carballo sabe da situación da píllara. Non hai un problema de incompatibilidade, senón de convivencia, e os resultados deste ano demostran que esa convivencia é posible”, asegurou.

Luis Amor aludiu á necesidade de regular os usos nos areais. “A xente ve o medio ambiente coma un ximnasio, e non é consciente de que non se pode facer de todo en todas partes. Pode facerse de todo, pero hai que saber cando e onde”, sinalou.  “Outros anos non había día que fose á praia que non vise un can, e agora xa non é así”, manifestou.

Comentarios