A Biblioteca Rego da Balsa celebra 10 anos cun completo programa de actividades

Este mes, a Biblioteca Rego da Balsa cumpre 10 anos dende a súa inauguración o día 24 de outubro do 2014. E quere celebralo como mellor sabe, cunha serie de actividades e obradoiros especiais, así como unha morea de sorpresas, como o sorteo de libros. Deste xeito, cada vez que leves algún préstamo, poderás cubrir unha papeleta para participar no sorteo dun lote de libros, personalizado tendo en conta a idade indicada no boleto.
Tamén haberá premios para persoas con máis préstamos, grazas ´á cortesía da organización do 33º Festival Internacional Outono de Teatro.
Ademais o venres 11 de outubro darán comezo os clubs de lectura infantís (conducidos por Sara Varela) e xuvenil (por Nerea López). Ás 17:00 para crianzas ata 6 anos; ás 18:00 para cativada de 7 a 12 anos; ás 19:00 para a adolescencia de 13 a 18. Ademais, o luns 14 de outubro ás 18:00 comeza o club de adultos guiado por Marta Villar.
PROGRAMACIÓN 10º ANIVERSARIO DA BIBLIOTECA REGO DA BALSA
Visitas ás escolas infantís Un regalo para Sanxo
Para festexar este 10º aniversario coas crianzas de 0-3 anos, desde e biblioteca achegaranse a todas as escolas infantís de Carballo entre os días 21 e 25 de outubro ás 10:30 h.
Mural 10º Aniversario
Propoñen a elaboración dun mural colaborativo sobre papel coa técnica do collage. O deseño da imaxe xirará arredor do 10º aniversario da biblioteca. Unha vez rematado o mural, colgarase durante toda a semana no mostrador principal da biblioteca. Esta actividade realizarase o luns 21 de outubro ás 17:30 h. Está destinada a público infantil e xuvenil, desde 8 a 18 anos. Ten prazas limitadas, polo que é imprescindible a inscrición previa por teléfono no 981 758 580.
Construíndo a Sanxo en 3D
Durante os primeiros días da semana do aniversario daranlle forma a unha escultura de Sanxo! Para facela podes pasar pola biblioteca luns, martes ou mércores entre as 16:30 h e as 17:30 h. Actividade con inscrición para maiores de 9 anos.
Contacontos Contos para sementar
Para este mes de celebración non podían faltar os contacontos na biblioteca, neste outono vinculados coa natureza. Esta actividade realizarase o martes 22 e o mércores 23 de outubro en dúas quendas cada día: 17:00 h e 18:30 h. Está destinada ao público de 3 a 8 anos. Ten prazas limitadas, polo que é imprescindible a inscrición previa por teléfono no 981 758 580.
Presentación literaria Otro mar, por Jesús Busto
Jesús Busto presentará o seu libro sobre o mar, un concepto enormemente evocador en Galicia. Terá lugar o martes, 22 de outubro, ás 18:30 h. A entrada é libre ata completar capacidade.
Café faladoiro con Xosé Ameixeiras
O día do aniversario, 24 de outubro, comeza cun café ás 10:30 h para as nosas usuarias máis madrugadoras, que tamén poderán desfrutar dunha charla informal co xornalista Xosé Ameixeiras, delegado de La Voz de Galicia en Carballo.
Actividades para a cativada
O calendario de actividades pola tarde do día 24, de 16:30 a 19:30, con actividades para nenos: pintacaras, globoflexia e xogos colectivos.
Acto conmemorativo 10º aniversario
No acto queren homenaxear as persoas usuarias e a comunidade que lle deu vida e a converteu no que é hoxe: un espazo público de acollida e convivencia, aberto a todas as persoas, e dedicado a difundir e promover a cultura, o coñecemento e o ocio. Para isto, o Conservatorio Profesional de Música do Concello de Carballo amenizará o acto con varias pezas musicais. Ademais disto, contarán con diversas intervencións, realizaremos a entrega dos premios do noso sorteo, e por último, ofrecerán uns petiscos ás asistentes. O acto comezará o día 24 ás 19:30. Entrada libre ata completar as prazas.
Actuación da Escola de Regueifas
O venres 25 ás 19:00 h, visitaranos a Escola de Regueifa de Carballo co gallo do décimo aniversario da biblioteca, para poder celebrar en comunidade estes anos de difusión da cultura. Coa colaboración do Servizo de Normalización Lingüística de Carballo.
Obradoiro de Ilustración, caricatura, manga, humor gráfico vol. 2 (9 sesións)
O obradoiro dirixido por Mon Lendoiro e Cristina Castro está pensado para público a partir de 11 anos. Terá lugar os sábados entre o 26/10 e o 21/12 de 10:00 a 13:30 horas, en 9 sesións de 3 horas e 30 minutos cada unha, con media hora de descanso. Este obradoiro oriéntase a nenos e adultos que desexen traballar no campo da ilustración e do manga a través de diferentes proxectos ilustrativos, onde o alumno empregará as ferramentas que lle sexan entregadas polo docente. Hai 16 prazas. Para anotarse, establécese unha inscrición telefónica previa. As asistentes deben comprometerse a vir ata o remate do obradoiro.
Obradoiro creativo O noso, con Miguel Casado Freire (1 sesión)
"Conservas o noso" é un taller creativo de arte urbana pensado para escolas e bibliotecas. Nel abordaremos a conservación do patrimonio cultural galego envasando tradicións e costumes, os participantes crearán e etiquetarán latas de conserva, fusionando creatividade e herdanza cultural nunha actividade que combina diversión e a preservación da nosa identidade galega. Terá lugar o sábado 26 de outubro ás 11:00 h, e a duración será de 1 hora e 30 minutos. Hai 15 prazas. As asistentes deberán ter polo menos 6 anos. Para anotarse, establecerase unha inscrición telefónica previa.
Visitas escolares Trinke Trinke
Co inicio do curso escolar e co compromiso das bibliotecas de fomentar a lectura, todos os anos lévanse a cabo visitas escolares para o alumnado de Carballo de 6º de infantil. Da man da compañía de teatro Trinke Trinke, amosaranlle ás crianzas que nos contos e nos libros se agochan historias marabillosas. Este ano terán lugar os días 28, 29 e 30 de outubro.