Luns. 29.04.2024
El tiempo

A carballesa Verónica Bolón recibe o Premio Ada Byron polo fomento da vocación científico-tecnolóxica entre as nenas do país

GRUPO LIDIA
FACULTADE DE INFORMATICA DA UDC
A carballesa Verónica Bolón recibe o Premio Ada Byron polo fomento da vocación científico-tecnolóxica entre as nenas do país

Os traballos de investigación en intelixencia artificial sostible e a súa aposta polo fomento da vocación científico-tecnolóxica entre as nenas, son os argumentos principais para que o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) escolla á carballesa Verónica Bolón como merecedora do Premio Ada Byron deste 2023.

A carballesa coordina o nodo da Coruña do proxecto Inspira STEAM, no que científicas e tecnólogas imparten charlas a estudantes de 6º de Primaria e 1º da ESO sobre as STEM ou os estereotipos de xénero.

Recollerá a distinción na gala da “XV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” que se celebrará o 16 de xuño en Santiago.

Verónica Bolón

erónica Bolón Canedo (Carballo, 1984) é enxeñeira informática (2009) e doutora en Informática (2014) pola Universidade da Coruña (UDC). Despois dunha estancia de posdoutoramento na Universidade de Manchester (Reino Unido) en 2015, actualmente é profesora titular no Departamento de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información da UDC e investigadora no Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da UDC. A súa tese de doutoramento, sobre métodos de aprendizaxe automático, recibiu varios premios por parte da Asociación Española para la Inteligencia Artificial, así como o premio extraordinario de doutoramento da UDC.

Xa sendo unha rapaza de boas notas, Verónica Bolón tiña claro que lle gustaba a rama científico-tecnolóxica, e aínda que comezou matriculándose en Enxeñaría de Telecomunicacións, decidiu a metade do primeiro curso deixar esta carreira e optar pola de Enxeñaría en Informática grazas a unha compañeira de instituto que cursaba esta disciplina e que a animou a probar para descubrir así a súa vocación.

Actualmente, Verónica Bolón traballa en temas de investigación relacionados con varias áreas da Intelixencia Artificial, especialmente en intelixencia artificial sostible, colaborando con outros grupos de investigación nacionais e internacionais. Inicialmente, orientou a súa investigación en intelixencia artificial á resolución de problemas reais, como pode ser axudar no diagnóstico de enfermidades ou a recomendacións de restaurantes, pero nos últimos anos centrouse no campo da intelixencia artificial verde e os algoritmos sostibles, é dicir, conseguir que os algoritmos da IA fagan un consumo máis responsable dos recursos enerxéticos. “Intentamos producir resultados que sigan sendo novidosos, pero buscando unha forma máis eficiente de facelo e tendo sempre en conta o custo enerxético e computacional” –manifesta–. E nesta liña de traballo, conseguiu en 2022 un proxecto para facer que os métodos de selección de características (un subcampo da IA) sexan máis sostibles e eficientes.

É autora de dous libros, varios capítulos de libro, un libro editado, 48 artigos en revistas ​​​J​ournal Citation Reports (JCR) e máis de 50 artigos en congresos internacionais. Son investigacións altamente citadas (catro das súas publicación son Highly Cited Papers e en 2022 recibiu máis de 1.100 citas en Google Scholar) e cunha clara aplicación social, tanto a temas médicos (diagnóstico de retinopatía do prematuro, diagnóstico de síndrome de ollo seco, detección de complexos K en apnea do sono), así como problemas de enxeñaría (detección de verteduras de petróleo no océano), ou do ámbito educativo (corrección automática de exames).

En 2018 recibiu unha Bolsa Leonardo da Fundación BBVA para o seu proxecto de investigación “Cando o tamaño importa: Selección de características para wearables”. Ademais de ser investigadora principal de dous proxectos competitivos nacionais, participou como investigadora en cinco proxectos competitivos nacionais, dez autonómicos, un proxecto europeo e cinco redes. Dirixiu quince traballos fin de grao, quince traballos fin de máster e dúas teses de doutoramento, con nove actualmente en marcha.

Foi secretaria da Asociación Española para la Inteligencia Artificial entre 2018 e 2021. En 2020 recibiu o premio Dona Tic Revelación da Generalitat de Catalunya, e nese mesmo ano foi seleccionada como académica de número da Academia Joven de España en recoñecemento a súa excelente traxectoria científica e profesional. Desde 2022 é académica correspondente da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales de España, converténdose na muller máis nova da corporación.

Inspira Steam

Verónica Bolón destaca tamén pola súa aposta polo fomento da vocación científico-tecnolóxica entre as nenas, xa que segundo lembra, actualmente só entre un 12 e un 13% do alumnado de enxeñaría informática son mulleres. “A enxeñaría informática é unha disciplina fortemente marcada polo estereotipo friki, e tamén por un gran descoñecemento da profesión, así como a falta de referentes femininos. Creo que é absolutamente necesario que nos centros educativos coñezan a nosa profesión e vexan que as mulleres estamos perfectamente capacitadas para desenvolvela” –sinala–.

Para loitar contra estes problemas, Verónica Bolón participa en numerosas actividades de divulgación (Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia o 11 de febreiro, o Día da Muller do 8 de marzo, ou mesmo o Día das Rapazas nas TIC que se conmemorou a pasada semana) e coordina o nodo da Coruña do proxecto Inspira STEAM. É un proxecto para o fomento da vocación científico-tecnolóxica entre as nenas, no que mulleres profesionais de calquera disciplina STEM achéganse a centros educativos de 6º de Primaria e de 1º da ESO para traballar con nenos e nenas sobre que son as STEM, os estereotipos de xénero, mulleres referentes, etc.

Comentarios