A ciencia espállase polas parroquias carballesas gracias ao proxecto TALK0
Case 40 persoas (de entre oito a máis de setenta anos de idade) participaron nas actividades que abriron esta fin de semana o programa "Eu quero Razo-Baldaio". Unhas actividades que constitúen o punto de partida do programa e están integradas no Proxecto de financiamento europeo Talento Km0 (TALK0), que nace co obxectivo de democratizar o coñecemento científico, promover o talento e os recursos locais e fomentar as vocacións científicas.
Da man do Grupo de Investigación en Cambio Ambiental e Paleobioloxía (GRICA-BIOpast) da Universidade da Coruña (UDC), as parroquias de Lema e Noicela convertéronse en laboratorios da ciencia de proximidade.
A fin de semana ofreceu unha dobre proposta que combinou historia ambiental e xeoloxía interactiva. A xornada do sábado tivo lugar no centro social de Lema, onde, conducidos polos científicos Roberto Bao e Luisa Santos, nenos, nenas e maiores pegáronse aos microscopios para aprender a ler os "rexistros do pasado" nunha sesión sobre paleoecoloxía. A través do pole fósil, os asistentes descubriron como os cambios pretéritos axudan a comprender a evolución actual dos ecosistemas e as transformacións ambientais ao longo dos séculos.
Xa o domingo, a ciencia máis práctica e visual trasladouse ao centro social de Imende (Noicela) cun obradoiro centrado na cristalografía. Os/as participantes puxeron mans á obra para experimentar de primeira man os procesos físico-químicos que dan lugar ás estruturas xeolóxicas. Nesta sesión, Roberto Bao estivo acompañado polo xeólogo Armand Hernández, director do GRICA-BIOpast, un equipo de científicos/as da UDC que centra o seu labor na investigación do cambio climático. Á cita tamén se sumou o concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Vales, quen quixo apoiar á veciñanza nesta experiencia formativa.
Ademais de aprender a formular e sementar os seus propios cristais, os participantes de Imende abriron hoxe unha pequena conta atrás. Agora tocará agardar con paciencia uns días a que a química faga o seu traballo e os cristais medren nos seus recipientes, momento no que volverán ao centro social para recoller as súas creacións e comprobar o resultado definitivo.


