![obras-concello-carballo]()
Evencio Ferrero e un representante da empresa Construcciones López Cao asinaron onte o contrato
O alcalde, Evencio Ferrero, asinou coa empresa Construcciones López Cao o contrato para a execución das obras de
mantemento e reparación da rede viaria do casco urbano, nas que o concello de Carballo investirá 77.984,50 euros. Segundo indican dende o municipio, "os traballos comezarán en breve".
O obxectivo, como se explica no proxecto técnico, é realizar un labor de mantemento correctivo nunha superficie total de 7.731,50 metros total correspondente a 27 rúas e 2 rotondas: Antón Fraguas, Pintor Colmeiro, Avenida de Bergantiños, Brasil, CarballoCalero, Cuba, Ecuador, Eduardo Pondal, Gran Vía, Julio Galán, Río Lérez, Río Eo, Río
Miño, Río Tambre, San Xoán Bautista, San Martiño, Santa Eufemia, Perú, Uruguai, Vicente Risco, Vila de Caión, Vila de Negreira, Vila de Noia, Andrés Gaos, Bolivia, Escultor Asorey e Muíño da Pintura, e o perímetro das glorietas das rúas Sol e Perú.
As rúas divídense en tres bloques en función do tipo de actuación precisa. No 67% da superficie será necesario realizar un fresado ata unha profundidade determinada para despois proceder á reposición da capa de rodaxe. En Antón Fraguas e Pintor Colmeiro realizarase un dobre rego asfáltico, e na avenida de Bergantiños aplicarase unha
lechada bituminosa tanto na zona de rodaxe como na de aparcamento. O prazo máximo de execución será de tres meses, e a vida útil das reparacións, segundo indican os técnicos, será moi superior a cinco anos.
Canon da auga 2017
Por outra parte, o concello de Carballo informou onte de que nos vindeiros meses levaranse a cabo no municipio varios proxectos hidráulicos por un importe próximo aos 2 millóns de euros, correspondentes ao canon da auga do 2017. O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas visitaron as obras que están en marcha nestes momentos nos lugares de Casal de Perros e Outeiro de Abaixo, na parroquia de Rus, e Pedra da Galiña e Monte do Rei, na de Sofán, que executa Construcciones Ramón Vázquez y Reino.
Esta mesma empresa carballesa -que vén de rematar o saneamento do Cotote (Sofán), incluído no Plan Provincial de Medio Ambiente- tamén acometerá o proxecto de saneamento nos lugares do Barral, a Feira de Berdillo e Quintela, na parroquia de Artes, e as melloras urxentes nas redes de abastecemento e saneamento tanto no casco urbano coma nas parroquias de Goiáns e Bértoa.
O resto das actuacións do canon da auga están pendentes de adxudicar, pero xa cos prazos de licitación pechados, polo que a súa execución tamén está próxima. Entre elas figuran as redes de saneamento de Vilar de Cidre, na parroquia de Razo, e da Redonda, A Igrexa, O Piñeiro e Outeiriños, na de Entrecruces; así coma a instalación
dun sistema de desbaste na EDAR de Carballo e melloras electromecánicas na ETAP e nas EDAR de Carballo e Razo que permitirán optimizar o funcionamento destes servizos.
Con cargo ao canon da auga deste ano, que se complementará con outros fondos municipais, acometerase un proxecto de tanta envergadura e tan demandado, sobre todo despois da seca do outono pasado, como é a rede de abastecemento de auga ás parroquias de Oza e Razo, que ten un orzamento de 1,7 millóns de euros.
Novas relacionas
Fonte
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
- Concello de Carballo