venres. 16.05.2025
El tiempo

Carballo aproba o millonario contrato da xestión do ciclo integral da auga

Carballo aproba o millonario contrato da xestión do ciclo integral da auga
ultimo-pleno-de-2016-en-carballo

Tiña lugar esta semana o último pleno do 2016 en Carballo. Un pleno que comezaba cun minuto de silencio polas vítimas da violencia machista, e que tiña como principal protagonista o millonario contrato do “Ciclo integral da auga”. Un contrato complicado que estivo paralizado un tempo por un recurso dunha empresa e que foi retomado o pasado febreiro.

Finalmente, das 8 propostas presentadas, foi a de Gestauga a escollida, e a aprobada en pleno cos votos do grupo de goberno emais do PSOE, a pesar da abstención do PP e dos votos en contra de TEGA. Un contrato a 20 anos (con 5 máis de prórroga) á empresa que rebaixou case un 20% os case 50 millóns de euros do importe.

A visión da oposición foi dispar. TEGA pediu máis informes e conta con que vai haber recurso, lembrando como se botou atrás o contrato de limpeza de praias. O PP tampouco quedou satisfeito cos informes técnicos mentres o PSOE, que sempre defende a xestión directa, votou a favor como veu facendo nunhas mesas de contratación na que participaron todos os grupos.

Outros puntos

O pleno aprobou que a escola unitaria de Vilela deixe de ser exclusivamente para o ensino e pase a ser patrimonio municipal, o que permitirá que poida caer no abandono tras un ano sen clases.

Ademais, o pleno aprobou unha moción do PSOE na que se ”insta ao Goberno de España a permitir que as entidades locais reinvistan o seu superávit en 2017, sen necesidade de xerar novos ingresos polo mesmo importe, a través dunha autorización legal para esa reinversión que xurda da prórroga orzamentaria dos Presupuestos Generales del Estado"

Terá que esperar ao seguinte pleno unha moción do PP por non superar a vía da urxencia, para propoñer que se restableza o dobre sentido da circulación na rúa Martín Herrera da capital municipal.

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).
  • Concello de Carballo.

Comentarios