Carballo aproba o orzamento do 2020 cos votos en contra de PP e TeGa e a abstención do PSOE
Despois de dúas quendas de intervención por grupo e un debate que practicamente monopolizou a hora e media de pleno, a corporación municipal de Carballo aprobou o orzamento para o vindeiro ano cos 12 votos a favor do BNG, 3 abstencións do PSOE e 6 votos en contra de PP e TeGa. O documento económico, que acada os 25.972.402,37 euros, foi especialmente criticado polos dous últimos grupos, que o cualificaron como pouco ambicioso, mentres que para o goberno municipal é estratéxico e social.
O cadro de persoal tamén saíu adiante con 19 votos a favor e 2 en contra de TeGa. En materia de persoal presentouse, ademais, unha modificación da RPT (relación de postos de traballo), que contou co apoio dos 19 concelleiros e concelleiras de BNG, PP e PSOE, mentres que os 2 de Terra Galega abstivéronse.
A ordenanza reguladora das prestacións patrimoniais de carácter público non tributarias do Ciclo Integral da Auga foi aprobada por unanimidade. E no último punto de debate foi aprobada tamén por unanimidade a modificación puntual número 6 do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) por execución de sentenza.
Críticas do Partido Popular
O grupo municipal do Partido Popular no Concello de Carballo, a través da súa portavoz, Paula Nogueira, cualificou de “simples” e de “moi pouco ambiciosos” os orzamentos municipais para o 2020. Nogueira aproveitou a súa intervención no pleno do pasado luns para incidir en que o documento económico carece de novos proxectos que permitan mellorar a calidade de vida dos veciños e dar respostas ás súas necesidades.
Nesta liña, a portavoz do PP en Carballo cargou tamén contra un goberno municipal ao que acusou de “inflar” as contas con proxectos valorados en case 500.000 euros, e que xa foron incluídos no documento do 2018, a pesar de que, desde entón, non se levaron a cabo. “Non se poden vender proxectos dúas veces. O único que demostran desta maneira é que, nin son capaces de executar o que prometen, nin teñen capacidade para presentar novas iniciativas”, indicou Nogueira, quen recomendou ao goberno local que, en lugar de quedar coas cousas que fan mal outros concellos limítrofes, traten de copiar todas aquelas que si realizan ben.
Noutra orde de cousas, a popular arremeteu tamén contra a maneira de proceder do goberno municipal, despois de que, segundo afirman, este non incluíse na comisión anterior ao pleno, e na que se trataron os orzamentos, documentos como o informe de Intervención e o referente ao cumprimento da regra de gasto. “Falamos de asuntos fundamentais dos que nós non tivemos constancia deles ata o xoves. Tivemos pouco máis de tres días para estudar un orzamento de moitos documentos”, denunciou Nogueira, quen censurou a falta de transparencia e a pouca predisposición por parte do BNG para facilitar o traballo da oposición.
Por último, a popular lembrou que os orzamentos son un documento que serve de “motor económico e social”, á vez que marcan a folla de ruta do crecemento dun municipio, polo que lamentou que “en Carballo non podamos acordalo entre todas as forzas políticas” para, dixo Nogueira, contribuír entre todos a melloralo.