Carballo aproveita a Semana da Mobilidade para poñer en valor a humanización de espazos públicos
Non falla Carballo á súa ineludible cita coa Semana Europea da Mobilidade. A vila bergantiñá é unha das 432 cidades españolas (124 máis que o ano pasado) e das 1.691 de todo o mundo que participan na Semana. É a única da Costa da Morte que utiliza esa palabra no seu discurso político, e demostra o seu compromiso coa mellora da sustentabilidade do transporte urbano.
O lema deste ano é "Espazo público compartido", e precisamente o programa de actividades que presentaron hoxe o alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane, pretende ser un escaparate das accións permanentes de recuperación do espazo público para a cidadanía que promove o goberno municipal, como a ampliación das beirarrúas, o incremento das zonas peonís, os aparcadoiros de proximidade ou os lavabicicletas que se van instalar nos próximos días. “O obxectivo -dixo Juan Seoane- é “visibilizar a necesidade dun cambio modal, na maneira de desprazarnos, apostando por un cambio da mobilidade na que teñan máis presenza os peóns e as bicicletas”.
Do 16 ao 22 de setembro
A Semana Europea da Mobilidade celébrase todos os anos do 16 ao 22 de setembro, así que neste 2024 vai ser de luns a domingo.
O 16 haberá. un circuito de seguridade viaria na praza do Concello para as crianzas, en colaboración co Club Ciclista Carballo e a Policía Local. Ademais, non faltará a ruta guiada por Senda Nova polo treito menos urbano da Ruta dos Muíños do Pan, e unha ruta urbana en bicicleta para todas as idades.
Unha das novidades deste ano chegará o martes 17. Grazas á colaboración de María Vilanova, investigadora da Facultade de Fisioterapia da UDC, organizan unha xornada de iniciación á marcha nórdica.
A Semana mergúllase tamén no programa Apego cun obradoiro o mércores para os nenos de 0 a 6 anos.
Ese mesmo día realizarase unha das numerosas andainas incluídas no programa, como a de microtoponimia con Fernando Cabeza Quiles, a que percorrerá a Liña 2 do trolebús literario con Hadrián García, ou unha de Contos Mariños con Xabier Maceiras pola costa.
En bici ao mercado
Como xa é costume na SEM, tanto o xoves coma o domingo haberá un agasallo para as persoas que se acheguen en bici ata o mercado municipal, e outro clásico que non falla é a colaboración da asociación Íntegro.
Tamén haberá cousas para os peques, como o espectáculo circense Soños encantados, da Fundación teatral Tchyminigagua, o venres pola tarde, e as actividades do programa Come rico, vive san.
O 22 de setembro é o Día sen coches en toda Europa, e en Carballo súmanse tamén cunha xornada na que cambiarán os vehículos a motor por bicicletas, patinetes, triciclos... e tamén xogos, en distintas rúas urbanas. Coa colaboración da veciñanza convertendo a rúa Mahón nunha pista de xogos, e por primeira vez pecharán tamén a rúa Costa Rica para prolongar o Parque do Hospital. Pola tarde sumaranse ao peche as rúas Valle-Inclán, Concepción Arenal e Cervantes, para acoller unha sesión de xogos populares con monitorado.
Colaboran un ano máis de entidades como Íntegro, Senda Nova e Club Ciclista Carballo, así coma da veciñanza da rúa Mahón.