Carballo, considerado o segundo concello máis sostible do Estado

Ser catalogado como o segundo concello máis sostible do Estado non é algo que se consiga dun día para outro. Dende 2003 levan artellando iniciativas nesa liña, marcándose mesmo metas cara o 2030. De aí que o Concello de Carballo fose escollido como un dos finalistas do prestixioso Premio “Ciudad Sostenible”, que organiza dende hai 18 anos a Fundación Fórum Ambiental, co apoio do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e a colaboración de Ecoembes. Se ben a convocatoria era de 2019 non seu puido entrear ata esta pasada semana o galardón, que foi recoller o concelleiro Luís Lamas.
O proxecto “Málaga ciudad sostenible” foi o gañador. Carballo, como finalista, quedou no segundo chanzo entre os preto de 500 aspirantes. O xurado valorou moi positivamente o proxecto “De Carballo limpo a Carballo sostible”, un plan de acción de mellora sostible con obxectivos como a mellora da mobilidade, a participación cidadá, a limpeza e a xestión de residuos mediante un sistema de integración laboral de persoas con discapacidade intelectual e cunha folla de ruta que permita no ano 2030 conseguir que Carballo sexa un concello autosuficiente e consecuente coa economía circular.
Os demais municipios premiados foron: Ourense, na categoría de auga; Ibi e Parla, na de educación ambiental; Viladecans, na de enerxía; Córdoba e Deltebre, na de residuos, eo Consell Comarcal del Vallés Occidental, na de adaptación ao cambio climático.
Lamas compartiu con Evencio Ferrero e Milagros Lantes o trofeo á súa volta. O rexedor lembrou que o concello ten recibido nos últimos anos numerosos recoñecementos, dende o Premio á Integración Laboral que outorgou a ONCE no ano 2008, ou o que concedeu Cegasal o ano pasado, ámbolos dous pola inserción laboral de persoas con discapacidade; o Premio Cidades que Camiñan ou a candidatura á Folla Verde Europea.
Ademais, lembrou que a Fundación Conama, que organiza o Congreso Nacional do Medio Ambiente vén de realizar unha enquisa con 376 técnicos, e destaca expresamente o Concello de Carballo pola boa xestión de residuos.
NOVAS RELACIONADAS
- 2021: O Rexenera Fest fai Carballo máis camiñable e agradable de pasear”.
- Maio 21: Urbanismo táctico: Mellorando a seguridade nas zonas escolares carballesas.
- Febreiro 2020: Carballo exporta experiencia en medidas de mobilidade urbana.
- Setembro 2020: As bicis e o pedibús protagonistas no último día da Semana da Mobilidade de Carballo.
- Xuño 2020: Carballo, entre as 10 cidades europeas de menos de 100.000 habitantes con mellores prácticas ambientais.
- 2019: Carballo, o único Concello que utiliza a palabra sostibilidade.
- 2018: Carballo recibiu en Badaxoz o Premio Ciudad que Camina 2018.
- 2014: A documental que derruba muros con pintura .