Importante paso cara á implantación da FP de Hostalaría no Fórum Carballo
- "O novo ciclo contribuiría á profesionalización do sector hostaleiro e á cobertura da demanda crecente de persoal cualificado, tanto a nivel local como comarcal".
- O FP podería xa empezar o vindeiro curso 25/26.

Levamos décadas sinalando a necesidade de que a Costa da Morte asuma unha formación seria en materia de hostalería. Tardamos anos en conseguir a implantación dun FP en Muxía, mentres que en Carballo a aposta municipal pola Escola de Hostalería ía cubrindo parte desta necesidade. Pero a capital de Bergantiños necesita unha formación autonómica oficial que cubra as necesidades dun sector principal na estrutura económica de toda a Costa da Morte. E parece que a cousa vai encamiñada.
Segundo informa a Asociación Axober, onte tivo lugar en Santiago de Compostela unha reunión clave entre representantes da Xunta de Galicia, membros da directiva de Axober e da Asociación de Hostalería de Carballo, responsables do Fórum de Carballo e o deputado provincial Rubén Lorenzo, cun obxectivo común: impulsar a implantación dun Ciclo de Formación Profesional (FP) de Hostalaría en Carballo, "unha demanda histórica do sector na comarca de Bergantiños", recoñecen.
Por parte da Xunta de Galicia, asistiron a directora xeral de Formación, María Eugenia Pérez Fernández, e tres persoas do seu equipo técnico, que acolleron a proposta con interese e mantiveron en todo momento unha actitude receptiva e colaborativa.
En representación de Axober participaron Marcos Seoane (xerente do Restaurante Río Sil), Gonzalo Nogareda (vicepresidente da Asociación de Hostaleiros de Carballo e xerente da Cervecería A Bombonera), Marcos Díaz Molk (tesoureiro de Axober e socio do grupo Dimolk) e Juan Lorenzo, xestor do Fórum de Carballo.
O encontro rematou cun balance moi positivo e coa definición dunha folla de ruta compartida, orientada a que esta formación profesional poida iniciarse xa no próximo curso académico. "O novo ciclo contribuiría á profesionalización do sector hostaleiro e á cobertura da demanda crecente de persoal cualificado, tanto a nivel local como comarcal", explican.
A reunión celebrada onte, da que cómpre salientar o papel de impulsoras das asociacións comarcais, supón "un punto de inflexión, no que a vontade política, o compromiso técnico e o impulso do empresariado converxen cara a un obxectivo común: transformar a oferta de formación profesional en Bergantiños e abrir novas oportunidades para a xuventude e o sector hostaleiro da comarca".