Carballo exporta a moda do graffiti a Francia
Falabamos estes días sobre como a moda do graffiti como vía para mellorar as nosas vilas que implanta Carballo dende hai anos, está estendéndose por lugares como Corcubión, Corme, Vimianzo, Cee, Camariñas ou Baio.
Os seus tentáculos chegan tamén ata francia, onde a vila francesa L´Isle Jourdain, irmandada con Carballo, tamén se acaba de animar a participar nun proxecto de arte urbana.
Como recoñece a Asociación de Irmanamento de Carballo coa vila francesa, as sementes prantadas con aqueles paseos a pé polos murais carballeses serviron para exportar a arte urbana. Marie Delpeyroux, presidenta do comité de irmandamento francés, afirma que “A iniciativa de Carballo foi un trampolín” para dar vida ás rúas de L´Isle Jourdain.
Así, pouco máis dun ano despois da exposición “Street Art de Carballo” no Musée Européen d´Art Campanaire de L´Isle Jourdain, a vila francesa imprégnase de cor e beleza artística formando parte dunha iniciativa denominada “Itinerarios artísticos en Pays Portes de Gascogne”. Unha ruta que unirá á as localidades de Beaupuy, Castillon-Savès, Clermont Savès, Pujaudran, Ségoufielle e L’Isle Jourdain, e que tamén pode servir de exemplo para tomar nota na bisbarra.
A vila irmandada está implicadísima no proxecto. Foron residencia durante o mes de xullo para que 3 artistas deixaran a súa pegada e derrubasen varios muros coa súa pintura.
Promovendo, paralelamente, unha opción de mobilidade urbana sostible ponse en marcha un servizo de aluguer de bicicletas eléctricas en L´Isle Jourdain para poder facer o itinerario dunha vila a outra.