Domingo. 20.09.2020
El tiempo

Xosé Regueira, sobre o Rexenera Fest: "Necesitabamos osixenar a mente e a cultura é a mellor maneira de facelo"

Mural realizado polo artista galego Sokram para o Rexenera Fest 2020 -Fotos-Turismo Carballo
Mural realizado polo artista galego Sokram para o Rexenera Fest 2020 -Fotos-Turismo Carballo
Xosé Regueira, sobre o Rexenera Fest: "Necesitabamos osixenar a mente e a cultura é a mellor maneira de facelo"

A Covid-19 tampouco puido co Rexenera Fest que, a pesares de que tivo que aprazarse algo máis dun mes debido á situación derivada da pandemia, puido finalmente celebrarse. Este domingo 26, tras 10 intensos días, o Rexenera botou o peche a unha edición que, sen dúbida, a palabra que mellor a define é “atípica”.

Segundo indica Xosé Regueira, concelleiro de Promoción Económica e Turismo, “o balance é bo a pesar das circunstancias”, que obrigaron a deixar fora do programa certas actividades xa clásicas do festival como os foros ou os talleres. Aínda así, “estamos moi contentos co resultado, xa que o importante é ir incrementando a obra pública nas rúas de Carballo”, afirma o concelleiro.

elisa capdevila-turismo carballoArtista: Elisa Capdevila

Regueira comenta en broma que o Rexenera é un festival un deses festivais “que se poden facer”, porque xa foi un adiantado aos tempos de agora, pois “xa se facía con máscaras antes de que houbese Covid, polos aerosoles e a pintura, e tamén cumpre coa distancia social, porque normalmente sepáraos do mundo o brazo enorme dunha grúa”.

Mais, de todos xeitos, o concelleiro destaca a importancia dun festival coma este, xa que “vimos dun duro momento a nivel individual e social. Necesitabamos saír ás rúas e osixenar o corpo e tamén necesitabamos osixenar a mente, e a cultura é a mellor maneira de facelo”, afirma o carballés.

Os murais deste ano

Este ano, gracias ás propostas de Xoana Almar (Galicia), Sabek (Madrid), Elisa Capdevila (Galicia), Reskate Studio (Euskadi e Cataluña) e Sokram (Galicia), Carballo gañou 5 novas obras que xa forman parte da colección do museo urbano no que se está a converter a vila.

Os motivos dos murais desta nova edición foron moi variados, así como a paleta de cores ou as fórmulas artísticas das creacións, que van dende o cartel ata o grafiti, pasando incluso pola técnica do retrato.

Artista sabek-tursmo carballoArtista: Sabek

En canto aos artistas galegos, Xoana Almar, por un lado, fixo un mural no que as protagonistas son dúas mulleres, tal e como adoita plasmar maioritariamente nas súas obras, vinculadas ao traballo do mar e da terra. Sokram, pola súa banda, sorprendeu cun complexo deseño que contrasta as cores azuis e lilas co amarelo ocre.

A catalana, Elisa Capdevila, elixiu un deseño máis próximo á pintura clásica, trasladando un lenzo á parede. O artista madrileño, Sabek, realizou un chamativo mural no que destaca o contraste do negro ca paleta de cores tan chamativa que o rodea. Finalmente, o dúo Reskate, optou pola cartelería cunha mensaxe en galego moi potente como é “din que chove”, en relación cos incendios na Galicia. Ademais, sorprende o detalle no paraugas que protexe da choiva cunha folla de carballo que representa á zona, así como a rapidez coa que terminaron o mural.

Reskate -turismo carballoArtista: Reskate

Vistas postas na vindeira edición

Ano tras ano, o festival vai collendo máis forza e nótase na aceptación por parte dos veciños da vila. “Cando comezamos o traballo con Derrubando e Rexenera, costábanos moito conseguir os soportes. Agora, afortunadamente, xa hai moita xente que se pon en contacto con nós para brindarnos a posibilidade de pintar no seu edificio”, afirma Regueira, quen tamén comenta que acollida que reciben os artistas nos barrios “é moi cariñosa”.

xoana almar - turismo carballoArtista: Xoana Almar

Así é que, como non podía ser doutra maneira, unha vez rematada esta edición, as vistas xa están postas na do ano que ven. Dende o minuto un, dende a organización de festival xa están a traballar para seguir a diante co proxecto. “Xa temos decidido varios artistas que seguramente estarán o ano que ven, e imos comezar a traballar en actividades paralelas que se poidan facer ou que poidan mellorar a edición deste ano, se é que o festival non se pode celebrar no formato habitual”, explica o concelleiro. Aínda así, esperan que, se non é xa na normalidade clásica, que o festival do ano que ven poida celebrarse “en mellores momentos sanitarios a nivel mundial do que foi este”, indica.

comentarios