Carballo exporta a nivel estatal o seu modelo de divulgación científica
O concelleiro de Innovación, Fondos Europeos, Formación, Emprego e Axenda Urbana, Iván Andrade, falou este venres en Madrid na xornada "Vocacións científicas sen fronteiras: rompendo barreiras sociais e territoriais", organizada por Pint of Science España e na que
participaron representantes do CSIC e do Ministerio de Juventud e Infancia.
O Concello foi modelo de divulgació científica e Iván Andrade fixo a súa exposición no bloque dedicado a Políticas públicas para a equidade, no que se analizou como a dispersión xeográfica e a vulnerabilidade social limitan o acceso á ciencia, e como o "modelo Carballo" está a romper estas barreiras.
Un dos exemplos máis recentes é o fito acadado polo noso concello na última convocatoria das Accións Marie Sklodowska-Curie (MSCA) e Cidadáns da Unión Europea.
O proxecto carballés, denominado TALK0 (Talento de quilómetro cero), logrou a máxima puntuación posible (15 sobre 15), e ademais Carballo foi o único concello de toda Europa beneficiario desta liña de axudas. Este recoñecemento internacional avala a estratexia local de conectar a ciencia co territorio e poñer en valor o talento dos investigadores da zona para fomentar vocacións entre a infancia e a mocidade.
Destacou a importancia de "crear referentes científicos de proximidade" e lembrou que a nova edición do festival internacional Pint of Science, terá lugar os días 18, 19 e 20 de maio, e que nesta edición terá como escenarios a cafetería do Pazo da Cultura, o bar Mercado e a cervexaría Marabú.