Sábado. 18.05.2024
El tiempo

Carballo homenaxea a Pedro Luis Fernández Pombo no Festival de Música e Baile Tradicional

festival_pedro_luis
Carballo homenaxea a Pedro Luis Fernández Pombo no Festival de Música e Baile Tradicional

Para pechar o Verán Cultural, o Concello de Carballo ultima os preparativos deste venres 26 de agosto para o Festival de Música e Baile Tradicional. Este ano o festival converterase nun acto de lembranza a Pedro Luis Fernández Pombo, carballés, gaiteiro e amante da música tradicional falecido a principios deste ano.

O Festival de Música e Baile Tradicional comezará ás 21.30 horas na Praza do Concello, coas actuacións da Banda Municipal de Gaitas, os Grupos de Música e Baile Tradicional da Asociación Cultural Nemeth, os Grupos de Música e Baile Tradicional de Arume de Verdillo e o Coro Aires de Bergantiños.

No transcurso do festival, e coa presenza dalgunhas das agrupacións musicais coas que colaborou, o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, fará entrega dun Carballo de Sargadelos á familia de Pedro Luís Fernández Pombo, lembrando e agradecendo a súa implicación e contribución á música tradicional, unha afección que practicou durante toda a súa vida, así coma a súa contribución xenerosa á cultura de Carballo.  
Xa desde moi novo, Pedro Luis Fernández Pombo formouse como gaiteiro no Centro Cultural Alfredo Brañas, sendo despois membro do seu grupo de gaitas e tamén da Asociación Cultural Nemeth, así como doutras agrupacións carballesas coas que colaborou. Foi integrante tamén do Grupo de Cámara de Verdillo, no que tocaba o whistle, a guitarra e o laúde, e tamén do Coro Aires de Bergantiños, que presidiu desde o ano 1999.
Ademais, Pedro Luis Fernández Pombo, avogado de profesión e exconcelleiro da corporación, participou activamente na vida cultural e social de Carballo a través de entidades como o Padroado Fogar de Bergantiños, a Asociación Antidroga Vieiro, a Asociación Deportiva Fogar da Xuventude ou a parroquia de San Xoán Bautista.

Comentarios