Lires non precisa un miradoiro para ver o abandono
- Recollemos este artigo enviado por Serxio Domínguez e varios veciños e veciñas de Lires.
Lires foi, con orgullo e por méritos propios, unha das primeiras comunidades de turismo rural. Un lugar con paisaxe, historia, río, mar, casas con alma e unha identidade que moitos venderían encantados en calquera folleto turístico.
E de feito vendérona.
Pero hai unha diferenza enorme entre vender Lires como postal e coidar Lires como parroquia.
Porque Lires ten encanto, si.
Ten natureza, si.
Ten ría, si.
Ten memoria, si.
Ten turismo, si.
O que non ten, polo visto, é o dereito a que se lle trate coa mesma dignidade coa que se anuncia. Porque é moi bonito anunciar a “bombo e platillo” as nosas postas de sol, pero o que non se anuncia, a modo de apunte, é que para chegar a elas temosque correr o risco de transitar por unha senda peonil ouunha estrada que se cae a cachose que ao contrariodosnososveciños de Muxía, que sinalizan con un fermoso paseo, nos temos que ver como nos balizan as fochancas con cinta da Policia Local.
Agora acaban tirar o palco da festa, o que foi feito polos veciños con esforzo, con traballo comunal, con horas roubadas ao descanso, con mans da parroquia, con ilusión e con esa maneira tan nosa de facer as cousas cando ninguén as fai por nós.
Ese palco non apareceu alí por arte de maxia, non o trouxo unha campaña turística, non caeu do ceo nun folleto institucional.
Fíxoo a veciñanza, a xente de Lires e parroquia.
A mesma veciñanza a que agora llo rouban `polo capricho da alcaldesa e das súas prioridades, que non son as da xente”.
E derrubárono, si, para facer un miradoiro.
Un miradoiro a ría disque, a esa que dentro de pouco só a poderemos ver dende o alto porque achegarnos a súa beira var ser imposible.
Ten retranca a cousa, porque desde ese novo miradoiro, que xa existe, curioso, non si?, poderemos contemplar, con calma e perspectiva, unha ría preciosa… pero contaminada.
Marabilloso.
Un miradoiro para contemplar a beleza, pero tamén para mirar o que non se fixo.
Porque Lires leva décadas sendo ese sitio perfecto para ensinar nas fotos e bastante imperfecto para vivir no día a día. Un lugar ao que se lle pide que sexa atractivo, acolledor, turístico, auténtico e fermoso… peroao quelogo se lle deixa unha estrada chea de fochancas, coma se cruzar Lires fose unha proba de resistencia, onde esquivar “baches” e coches vai no paquete.
As estradas de Lires non son unhas vía, son unha experiencia inmersiva. Non fai falta parque de aventuras. Chega con esquivar buratos e tratar de non caer no verdello, como quen xoga unha partida a nível experto.
Pero tamén a cobertura telefónica, ese fenómeno paranormal que aparece e desaparece segundo o vento, a humidade ou o estado de ánimo da antena máis próxima. En Lires ás veces non chamas: invocas. E, se hai sorte, igual a chamada dura o suficiente como para dicir: “Ola, escóit…”. Disque se solucionaba coa nova antena tan fotografada, pero nas vivendas mais próximas hai que ir polas habitacións na busca das raiñas.
A cobertura televisiva tampouco queda atrás. Hai veciños que xa non ven a televisión: xogan co televisor ao “agora vesme, agora non me ves”. Un día hai canle, outro día hai cadradiños, outro día aparece a imaxe conxelada e outro día directamente a pantalla decide facer folga.
Ao final, moitos acaban abonándose a plataformas dixitais. Non por modernidade, nin por capricho, nin porque Lires sexa Silicon Valley con vistas ao mar, senón porque a televisión tradicional non vai.
A traída da auga, tamén feita pola veciñanza, é hoxe unha infraestructura obsoleta e insuficiente, sobre todo nos meses de verán onde Lires mutltiplica a súa poboación. Non tardará en verse un mes de agosto cheo de turismo e con restriccións no abastecemento.
E no medio de todo isto, e descupalde que sexa tan pesado, cando a parroquia espera melloras urxentes, aínda que bastante menos decorativas — saneamento, estrada, cobertura, televisión, auga, servizos básicos, un polideportivo que tamén tiñamos ( feito por certo pola xente de Lires, non polas institucións e no que agora non se pode nin entrar) aparece a gran prioridade... tirar o palco para facer un miradoiro.
Igual é unha metáfora perfecta: quitar un símbolo da comunidade para poñer unha estrutura desde a que contemplar todo aquilo que segue sen resolverse.
Desde o novo miradoiro poderase mirar a ría, pero tamén
A falta de saneamento.
E as fochancas.
E as chamadas cortadas.
E a televisión intermitente.
E as promesas pendentes.
E esa maneira tan curiosa de empezar a casa polo tellado… ou a parroquia polo miradoiro.
Porque un palco non é só cemento e ferro.
É a orquestra nunha noite de festa.
É a xente maior sentada mirando bailar aos novos.
É a xuventude ilusionada cos festivais que organiza.
É a infancia correndo arredor.
É a parroquia xuntándose.
É memoria compartida.
É traballo comunal.
É identidade.
E simplemente historia viva de un pobo.
Lires non está en contra de mellorar.
Lires non está en contra de mirar á ría.
Lires non está en contra de avanzar.
Pero avanzar non debería significar borrar o que fixo a veciñanza mentres segue pendente o que deberían facer as administracións.
Porque para mirar a ría xa chega con abrir os ollos.
Para coidar Lires fai falta algo máis: vontade, investimento e respecto, polo que somos e polo que nos deixaron os nosos maiores, inda que xa sabemos tamén que ese respecto hai quen o considera moi sobrevalorado.
O rural non se defende con discursos bonitos nin con miradoiros de postal.
Deféndese con saneamento.
Con estradas dignas.
Con cobertura telefónica.
Con televisión que se vexa.
Con auga potable.
Con servizos.
Con memoria.
Con respecto polo esforzo da xente.
Lires non precisa un miradoiro para ver o abandono.
Lires precisa que deixen de mirar para outro lado.
- Serxio Domínguez Louro e diversos veciñas e veciños de Lires.

