O Camiño do Litoral, si; o Camiño dos Faros, non
Ultima a Xunta de Galicia a apertura dos 1.300 km do “Camiño do Litoral”. Aseguraba o presidente Rueda na súa última visita a Carnota o pasado mes de abril, que a senda que percorre toda a costa galega está lista para este verán. Unha gran nova, dende logo, para poder gozar do litoral máis bonito da península, pero que ten, no Camiño dos Faros, a súa cara máis polémica.
Porque falamos dunha senda que pisa o vilipendiado Camiño dos Faros, o mellor produto turístico do século XXI na Costa da Morte, que foi creado pola cidadanía, e a pesar de ser fagocitado polas administracións segue a ser un dos nosos mellores reclamos.
Falamos moitas veces das consecuencias da non homologación como oteiro oficial de Longo Percorrido, unha decisión tomada entre a Xunta e a Federación Galega de Montañismo, negativa para toda unha comarca. Unha non homologación baseada nun lamentable informe ambiental, emitido 6 anos despois da súa presentación, e que está cheo de vaguedades e medias verdades.
Hoxe, a familia trasna do Camiño dos Faros vén de facer unha análise do percorrido que fai o Camiño do Litoral entre Malpica e Fisterra. E fica ben sorprendida a familia, ao comprobar que distintos tramos que foron rexeitados pola Federación para poder homologar o Camiño dos Faros, si están permitidos para este do Litoral.
Van máis alá as queixas dos transos, que tras unha fonda análise do traxectos, corroboran que o Camiño do Litoral atravesa centos de fincas privadas, outro asunto tabú para que a FGM aprobara a homllogación; e tamén conta cunha gran cantidade de quilímetros sobre pistas de asfalto e grava, en moitos casos sen ver sequera o mar, o que redunda en “converter unha das principais rutas de sendeirismo europeas nunha ruta do montón”.
Lamentan a Asoc. Camiño dos Faros que despois “13 anos da Xunta bloqueando o Camiño dos Faros”, agora deseñen un novo roteiro “por profesionais dende o sillón do seu despacho”, ante a “pasividade das administracións locais” dos 9 concellos implicados.
Puntos concretos
O Camiño do Litoral atravesa agora, con total impunidade, zonas que non foron aceptadas para o Camiño dos Faros (por afectacións como á píllara das dunas ou á flora protexida), como o traxecto polas Dunas do Monte Branco, a praia da Ermida, a praia de Soesto, a praia de Traba, Praia de Lourido, os Cantís de Canosa (en Lires), o cabo da Nave… E moitos destes espazos, o Camiño dos Faros atravesa o areal, pero o Camiño do Litoral faino através da duna, o que parece tanto o ou máis perxudicial para a fauna e a flora dos lugares.
Noutros casos, son moitas as zonas nas que, no canto de seguir o pequeno sendeiro pegado aos cantís, métese centos de metros cara o interior por pistas de zahorra e eucaliptos. Así acontece en zonas como dende a Ermida ata a praia de Balarés, de Canduas a Laxe (esquecendo a costa da Mundiña, a praia de Rebordelo ou os Muíños de Frexufre), a zona do Cabezo ao pasar Traba, de Camariñas a Ariño de Cereixo á Praia do Lago. Máis grave aínda é o percorrido de Arou ao Cemiterio dos ingleses, subindo por pistas forestais dende onde nin se vé o mar.
Caso singular é tamén o paseo marítimo de Cabana, moi criticado no seu momento pola propia Federación, e que agora asume como propio o Camiño do Litoral. E mesmo o novo sendeiro autonómica utiliza estradas sen arcén, nalgún caso perigosas como a que baixa ata a Praia do Lago; ou mete subidas imposibles como a do Monte Facho, despois da praia de Lourido facendo ata 15 kilométros practicamente sen ver o mar ata a praia de Moreira.
Por todo isto, a asociación trasna preguntarase se a Federación Galega de Montañismo aprobará a homologación como Sendeiro de Longo Percorrido dos 1.300 km do novo sendeiro litoral galego.





