Carballo inviste máis de 400.000 euros na parroquia de Entrecruces
08:05 04/08/17
Tres das principais demandas da veciñanza da parroquia carballesa de Entrecruces serán atendidas este mesmo ano cun investimento de máis de 400.000 euros por parte do concello. A partida máis importante corresponde á ampliación da rede
de saneamento, que chegará aos lugares de A Redonda, A Igrexa, O Piñeiro e Outeiriños grazas a un proxecto de 254.009,10 euros que se acometerá con cargo ao canon da auga, tal como figura nos orzamentos municipais. O goberno pretende iniciar
en breve o proceso de contratación do proxecto, que inclúe, á parte da rede de saneamento, a instalación de tubaxes para o futuro abastecemento municipal de auga e a pavimentación de todo o viario afectado polas obras.
As que xa están adxudicadas, só pendentes da sinatura do contrato para o seu inicio, son as obras de mellora integral da rede viaria secundaria. O concello de Carballo actuará nun total de 28.955 metros lineais de pistas (a relación completa pode
consultarse no documento anexo), dentro dun proxecto compartido coa parroquia de Aldemunde. Nesta última, que ten moita menos superficie, as obras afectarán a 5.601 metros de vías. Deste xeito, a maior parte dos 103.000 euros polos que foron
adxudicadas as obras á empresa Construcciones López Cao investiranse en Entrecruces. Os traballos comezarán este mesmo verán.
O concello carballés tamén informa que procederá en breve á adxudicación das obras de mellora de seis centros sociais, entre os cales figura o de Entrecruces cun orzamento de máis de 80.000 euros. Trátase dunha actuación importante, xa que afectará ao exterior da parcela, as fachadas, a cuberta e as dúas plantas do edificio.
Con estas actuacións quedarán atendidas boa parte das peticións do consello parroquial, que volverá a reunirse, como se acordou na última xuntanza, o vindeiro 1 de setembro ás 20:30 horas.
Novas relacionadas
- O consello parroquial de Sísamo céntrase na rede viaria
- O Consello Parroquial de Oza fai balance dos acordos da sesión anterior
- O Consello Parroquial de Razo céntrase no urbanismo e no turismo
- O Consello Parroquial de Cances pide un maior control sobre o uso indebido das infraestructuras públicas
- As obras centran o primeiro consello parroquial de Sísamo
- Rematou superando espectativas a primeira fase de constitución dos 17 Consellos Parroquiais de Carballo
- 300 persoas xa forman parte dos Consellos Parroquais de Carballo.
- A metade das parroquias de Carballo xa teñen Consellos Parroquiais.
- Os pioneiros Consellos Parroquiais carballeses seguen formándose.
- Comezan as reunións en Ardaña e en Oza para a constitución dos Consellos Parroquiais.
- Agora/Ágora, unha proposta anónima de participación cidadá dende a Costa para o mundo electoral.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com)
- Concello de Carballo