Venres. 19.04.2024
El tiempo

Carballo e L’Isle Jourdain conmemoran 25 anos de irmandamento

Exposicion sobre os 25 de irmandamento entre Carballo e Lisle
Carballo e L’Isle Jourdain conmemoran 25 anos de irmandamento

O Concello de Carballo e o seu semellante de L’Isle Jourdain celebran 25 anos de confraternidade. O irmandamento selado aló por 1994 chega aos nosos días avalado polas experiencias de centos de rapaces e rapazas de ambas vilas, que compartiron experiencias e amizades inesquecibles. 

Coa intención de que ese irmandamento institucional, pero tamén social, se perpetúe e ao mesmo tempo acade maior visibilidade, coincidindo co 25º aniversario do irmandamento están a celebrarse actos culturais nas dúas localidades.

Derrubando Muros a Francia

En L’Isle Jourdain vén de abrir ao público unha exposición sobre o proxecto “Derrubando Muros con Pintura”. O acto inaugural celebrouse o sábado no salón de sesións da Casa do Concello coa participación de numerosas autoridades municipais e rexionais e a presidenta do comité de irmandamento francés, Marie Delpeyroux, que louvou a iniciativa carballesa. 

A mostra, organizada polo Concello de Carballo, inclúe 30 fotografías, un catálogo explicativo, cartelería, rueiros e un exemplar do libro Derrubando muros con pintura. Todo ese material poderá verse nos vindeiros meses tamén nos centros educativos de L’Isle e a partir de xuño no famoso Museo das Campás.

Semana completa en CarballoFestival galego occitano en Carballo

En Carballo os actos concentraranse na semana que vén, coincidindo coa visita dun grupo de veciños e veciñas de L’Isle Jourdain ao noso concello entre os días 22 e 26. O Comité de Irmandamento tenlles organizado un completo programa que inclúe un obradoiro de pandeireta e canto tradicional galego, un percorrido guiado pola costa carballesa e un Festival cultural galego-occitano-francés que se celebrará o día 24, ás 19.00 horas, no Pazo da Cultura.

O espectáculo fusionará as culturas das vilas irmás grazas á participación do Conservatorio Profesional de Música de Carballo; os grupos de baile, gaitas e Frumeira de Arume de Berdillo; a Coral Aires de Bergantiños, a coral francesa guiada por Denise Avezac, a relatora Sylvie Bénito, o acordeonista francés Francis Deluc e a cantante de ópera Bénedicte.

O día 25 tamén será moi especial. Pola mañá está previsto pintar un mural ao aire libre  coa participación dos artistas carballeses Cristina Castro e Santi Picos, pero tamén das autoridades e veciños, tanto de L’Isle coma de Carballo, que queiran sumarse.

Pola tarde, a partir das 19.00 horas, celebrarase na Casa do Concello o acto institucional conmemorativo do 25º aniversario do irmandamento, no que participarán alcaldes e autoridades municipais de ámbalas dúas vilas tanto do ano 1994 coma da actualidade. 

Comentarios