xoves. 15.05.2025
El tiempo

Carballo licita as obras de reurbanización das rúas Montevideo e Río

Carballo licita as obras de reurbanización das rúas Montevideo e Río
proxecto-rua-rio-carballo A rúa Río de Carballo será semipeonil A Xunta de Goberno Local de Carballo aprobou onte os expedientes de contratación relativos aos proxectos de reurbanización das rúas Montevideo e Río, incluídos no Plan Único de Concellos POS + da Deputación da Coruña. Na primeira, que sae a licitación por 169.823,91 euros, os obxectivos son, por unha banda, a renovación ou ampliación das instalacións soterradas (auga, fecais, fibra óptica, rede eléctrica e de alumeado), e, por outra, o acondicionamento da superficie. Neste sentido, o acabado será semellante ao das rúas Xúpiter ou Ponte. O proxecto prevé a construción e beirarrúas de 1,8 metros de ancho en ámbalas marxes, zona de aparcamento de 2 metros e carril de pavimento continuo de formigón de 3,4 metros. A rúa terá sentido único de circulación rodada en dirección á rúa Alfredo Brañas. Nesta última tamén se renovará, dentro do mesmo proxecto, o tramo de beirarrúa existente entre Montevideo e Vázquez de Parga. A actuación prevé, así mesmo, a colocación de catro puntos de luz, pasos de peóns e sinalización horizontal e vertical. A reurbanización da rúa Río ten un orzamento de 189.543,86 euros. Ao igual que no proxecto anterior, o concello de Carballo aposta por un modelo de plataforma única e uso semipeonil. Pero antes de actuar na superficie realizarase a substitución íntegra da actual rede de abastecemento de auga, que é de fibrocemento, por tubaxe de PEAD de 90 mm. de diámetro, e ademais realizaranse as acometidas aos 24 solares existentes na vía. Tamén se instalarán redes de saneamento e pluviais e renovaranse o alumeado público, con 9 puntos de luz, e as canalizacións de electricidade, telefonía, cable e gas. O acabado en superficie realizouse tendo en conta o uso rodado da rúa e a súa integración na contorna urbana, mellorando a imaxe da zona. Deste xeito, óptase por adoquín de granito silvestre para o centro da calzada e por lousas do mesmo material e de distinto tamaño para as beiras peonís. Canon da auga Fóra da orde do día, a Xunta de Goberno Local tamén aprobou o proxecto e o procedemento de contratación das obras de melloras urxentes nas redes e abastecemento e saneamento de Carballo, incluídas nos orzamentos municipais, dentro da partida correspondente ao canon da auga, por 175.255,67 euros. En materia de contratación tamén se aprobou a adxudicación á empresa Desarrolla Obras y Servicios S.L. das obras de reforma do pavillón do CEIP Xesús San Luís Romero, por un importe de 121.883,30 euros. Así mesmo, a empresa comprométese a executar, sen custo para o concello de Carballo, unha serie de melloras: subministración e colocación de canaleta de drenaxe na fachada suroeste, protección dos alicerces con elementos elásticos apropiados para evitar danos na práctica deportiva, elevación do cadro eléctrico, instalación de alarma e construción de dous aseos e un almacén, todo ilo valorado en 20.538,48 euros. Entre outros acordos, a Xunta de Goberno Local aprobou un convenio coa asociación cultural O Molete Psicopop para a realización do festival XiriaPop 2017 e outro coa Deputación da Coruña para o programa da Rede Cultural. Tamén decidiu sobre a solicitude dunha axuda á Xunta para actuacións encamiñadas á protección dos animais de compañía abandonados, as bases do concurso de webseries do 2018 e varias licenzas. Novas relacionadas Fonte
  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
  • Concello de Carballo
 

Comentarios