Carballo recoñece o labor da investigadora local Verónica Bolón tras recibir o Premio Nacional María Andresa Casamayor

Veronica Bolon co alcalde de Carballo
Verónica Bolón co alcalde de Carballo
Carballo recoñece o labor da investigadora local Verónica Bolón tras recibir o Premio Nacional María Andresa Casamayor

Despois de recoller de mans do Rei o Premio Nacional de Investigación María Andresa Casamayor, Verónica Bolón pasou polo Concello de Carballo para recibir un recoñecemento na súa casa. A enxeñeira e doutora en Informática Verónica Bolón Canedo, experta en IA e investigadora de novos métodos de Intelixencia Artificial máis éticos e sostibles, recibiu uns detalles do concello, (unha réplica da fonte da Praza de Galicia; un pisapapeis co skyline de Carballo, e tamén un xogo de mesa do Gran Prix que inclúe a versión orixinal do “cachelo quente”).

No acto, celebrado este xoves na Alcaldía, participaron varios membros da corporación municipal, familiares da homenaxeada e o vicerreitor de investigación da UDC, Jerónimo Puertas, que escusou a ausencia do reitor e fixo un repaso por algúns dos moitísimos méritos acadados por Verónica Bolón: “É catedrática e directora da cátedra da estratexia nacional de IA en colaboración con Inditex sobre os algoritmos verdes, que ten unha dotación económica moi importante e é unha gran responsabilidade, e tivo moitos recoñecementos, como a Beca Leonardo do BBVA, foi secretaria da Asociación Española de Intelixencia Artificial e acadou diversos premios, aínda que o máis evidente é o Premio Nacional de Investigación, polo que estamos aquí”. E lembrou ademais que é integrante máis nova da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais.

A homenaxeada expresou o seu agradecemento ao Concello por abrirlle as portas á colaboración en distintos eventos, como o festival de divulgación científica Pint of Science ou a Feira do Día da Muller e a Nena na Ciencia, e mesmo por “apoiar as miñas loucuras, como o cachelo quente... Carballo é unha vila que se está modernizando moito, cada vez teño máis orgullo de ver en que se está convertendo. Para min é unha sorte vivir aquí e estar criando aquí aos meus fillos, e despois dedícome ao meu traballo o mellor que podo”.

Verónica Bolón expresou ese orgullo no Libro de Honra con estas palabras: “Hoxe é un día moi especial, no que me sinto profundamente emocionada de recibir este recoñecemento na miña vila natal, Carballo. Estou moi orgullosa de ser carballesa e
de vivir nun pobo que aposta pola cultura, polo benestar da súa xente e, tamén, pola ciencia. Que se recoñeza o meu traballo como investigadora e científica é para min unha gran honra e unha responsabilidade”.

Comentarios