venres. 15.11.2024
El tiempo

Carballo recupera as variedades autóctonas de árbores froiteiras

DÍA DA ARBORE-en Carballo
Imaxe do Día da Árbore de 2022 en Carballo prantando carballos
Carballo recupera as variedades autóctonas de árbores froiteiras

Coincidindo coa celebración do Día Forestal Mundial, o 21 de marzo, a Concellaría de Medio Ambiente de Carballo pon en marcha o proceso de formación da Horta Seixo Branco, un proxecto de recuperación de variedades autóctonas de árbores froiteiras.

A idea quere fomentar a preservación de especies locais para a súa difusión e posta en valor para o seu cultivo a nivel tanto particular coma profesional, e, por outra, pretende axudar a crear unha aula interactiva para o seu uso como campo de observación para escolares e público en xeral, que permitirá, por exemplo, a celebración de cursos de enxertado e de poda.

O proxecto inicial inclúe a plantación de 168 unidades de maceiras e pereiras, ademais de 100 portainxertos para Malus sp e 50 para Pyrus sp. As primeiras unidades plantaranas este xoves os nenos e nenas do CEIP Plurilingüe A Cristina que participarán na visita guiada do Día da Auga.

A celebración será tripla, xa que tamén conmemoraremos o Día da Poesía coa lectura dun poema por parte da rapazada. A celebración, sen embargo, estenderase a todos os coles, xa que, en colaboración co servizo municipal de xardíns, que xestiona o centro especial de emprego Dixardín, entregaranse árbores froiteiras en todos os que as soliciten para plantar nos seus recintos.

Máis aló da plantación simbólica que van realizar os escolares, o proxecto inclúe o acondicionamento do terreo, a formación de camiños, a instalación de rega por goteo, a plantación das primeiras variedades, a sinalización e a difusión da iniciativa, que terá continuidade a curto-medio prazo coa plantación doutras especies froiteiras. O investimento desta primeira fase acada os 20.800 euros.

Comentarios