Venres. 19.04.2024
El tiempo

Carballo sofre reiterados actos de vandalismo contra a ornamentación de Nadal

Imaxe dun dos tres bastóns que aínda quedan.
Imaxe dun dos tres bastóns que aínda quedan.
Carballo sofre reiterados actos de vandalismo contra a ornamentación de Nadal

Carballo viviu esta fin de semana varios actos de vandalismo xa que foi roubado un dos bastóns da rúa Ponte e dous quedaron danados, ao igual que un dos renos do Xardín Municipal e outro boneco da rúa Valle-Inclán. Dende o Concello condenan este tipo de accións e anuncian que actuarán "con contundencia contra as persoas responsables dos reiterados danos aos elementos decorativos colocados pola Concellaría de Promoción Económica nas zonas de maior intensidade comercial da nosa vila para promocionar un sector tan importante para a economía local e, ao mesmo tempo, espallar o ambiente de Nadal polas nosas rúas".

baston_desaparecido

Da mesma maneira, tamén fan un chamamento á colaboración cidadá para tratar de identificar aos autores dos feitos. Segundo indican, "esta fin de semana as vítimas foron os bastóns colocados na rúa Ponte: un foi roubado, noutro caso intentárono pero non puideron arrancalo e quedou danado, e o terceiro foi esnaquizado, polo que nestes momentos só quedan tres. Os dous que puideron ser recuperados están xa no taller artesán no que foron construído e a nosa intención é repoñelos o antes posible. As dúas primeiras accións rexistráronse pasadas as 07.00 horas do domingo, e a terceira, a noite pasada, sobre as 03.00 horas, tal como confirmou unha veciña que foi testemuña dos feitos. Os seus autores serían tres ou catro mozos duns vinte anos de idade, segundo indicou. As forzas de seguridade están facendo xa indagacións para intentar localizalos".

intento_roubo

Por outra banda, onte desprazouse a Carballo persoal técnico da empresa que colocou os outros adornos para examinar os danos causados nun dos renos do Xardín Municipal e no conxunto de bonecos de neve da rúa Valle Inclán e proceder á súa reparación.

Ademais de apelar ao civismo para evitar que este tipo de accións se repitan, dende o Concello de Carballo tamén fan un chamamento á veciñanza "para que os adornos sexan respectados, procurando non tocalos nin subirse a eles, dado que están feitos con materiais delicados, como fibra de vidro e madeira".

Comentarios