Carballo tamén promove o consumo no comercio local cunha campaña de premios
A Concellaría de Promoción Económica contribúe un ano máis á dinamización do comercio local cunha campaña que arrinca este venres 13 de decembro e que se estenderá ata Reis co obxectivo de poñer en valor o comercio tradicional e incentivar as compras de Nadal en Carballo.
A partir de hoxe, todas as compras superiores a 25 euros que realices nos establecementos adheridos, que son un total de 77, terán premio! Por cada compra por ese importe mínimo entregaranche un vale que poderás trocar na caseta de Nadal por un agasallo. Hainos moi variados e moi doces: garrapiñadas, piruletas, cadernos, pasaois... Achégate á caseta instalada na rúa Coruña os días 13, 14, 15, 20, 21, 22, 24, 27, 28, 29 e 31 de decembro e 3, 4 e 5 de xaneiro. Poderás consultar os horarios na propia caseta.