Xoves. 25.04.2024
El tiempo

Os carrís-bici protagonizan o completo programa da Semana Europea da Mobilidade de Carballo

Semana da Mobilidade Carballo 2021
Os carrís-bici protagonizan o completo programa da Semana Europea da Mobilidade de Carballo
Cos 9 proxectos de carril-bici en marcha, o proxecto Cicl-ando Carballo será o epicentro da Semana Europea da Mobilidade que celebra cada ano o Concello. Unha Semana á que cada vez lle dá máis importancia o concello carballés, que este ano puxo de lema “A rúa dáche a vida” con eses 18 quilómetros de sendas ciclo-peonís como eixo principal. Sendas que comunican a zona urbana co principal centro de traballo, o polígono industrial de Bértoa, e cun dos principais recursos turísticos do concello, a praia de Razo.

Dende o xoves 16 ao 23 de setembro haberá actividades de todo tipo, aberta a toda a cidadanía: andainas, rutas en bicicleta, actividades de seguridade viaria, concursos, charlas e xogos na rúa para peques e maiores.

Programa da SEM21

  • Xoves 16 (19h – Praza do Concello). Presentación pública do proxecto Cicl-Ando Carballo.
  • Venres 17 (19h- Saída do Gadis Híper). Andaina solidaria de 6km polas sendas do proxecto Cicl-Ando, coa colaboración da Asociación Galega de Transplantados de Médula Ósea (Asotrame), para axudar ao desenvolvemento do proxecto “Adianthe”, que está a levar a cabo o Grupo de Investigación en Oncohematoloxía do Servizo de Hematoloxía do CHUS, e que ten como finalidade o desenvolvemento da intelixencia artificial para o tratamento personalizado do cancro hematolóxico.
    As persoas que queiran participar poden inscribirse enviando os seus datos (nome e idade) a [email protected] ou no propio punto de saída, onde se entregará material para a ruta a todos/as os/as participantes.
  • Sábado 18 (11h – Saída do Gadis Híper). Ruta en bici ata Razo. Nesta ruta tamén se entregará material, polo que se precisa inscrición previa en [email protected], preferentemente, ou o mesmo día no punto de partida.
  • Domingo 19 (todo o día). O domingo toca o “Día sen Coches”, no eixo formado polas rúas Valle-Inclán, Concepción Arenal e Cervantes, a rúa Eduardo Pondal, a rúa Vila de Laxe e a rúa Mahón acollerán distintas propostas tanto pola mañá coma pola tarde: xogos populares, obradoiros de primeiros auxilios, sesións deportivas…
  • Luns 20 (17.00 a 20.00 horas – Praza do Concello). O tradicional circuíto de seguridade viaria volve á Praza do Concello para todos os nenos e nenas que queiran participar.
  • Martes 21 (horario de tarde). En colaboración, un ano máis, coa Asociación Íntegro, toca novo chequeo á accesibilidade urbana.
  • Mércores 22 (19h – Fórum Carballo). A Garda Civil de Tráfico e da Policía Local participarán nunha xornada informativa.
  • Xoves 23: pola mañá repetimos “Á feira en bici”, que consiste en entregar un agasallo a todas as persoas que acudan ata o mercado semanal en bicicleta. E pola tarde, tamén Andaina con Senda Nova polo treito máis descoñecido da Ruta dos Muíños do Pan, dende A Ponte de Bértoa, onde se realizará a saída ás 17.30 horas, ata o Muíño da Cheda.

Tamén nos centros

Ademais de todas estas actividades, a Semana da Mobilidade tamén se celebrará nos centros escolares. Entre o 20 e o 27 de setembro levaranse a cabo xogos baseados no proxecto Cicl-Ando Carballo, e ademais ata o día 30 realizarán un concurso en Instagram de @carballomola. Podes publicar unha fotografía en aberto na túa conta feita en calquera das rutas ciclopeonís e utilizar o cancelo #ciclandocarballo. Poderás gañar un cheque de 100 euros para consumir no comercio local.

Novas relacionadas

Comentarios