venres. 23.05.2025
El tiempo

O CCA de Carballo, dos premios do Día da Nai a feira Biosaúde

CCA Merca en Carballo
O CCA de Carballo, dos premios do Día da Nai a feira Biosaúde

Vén de facer entrega o Centro Comercial Aberto (CCA) de Carballo fdos tres cheques-regalo correspondentes á campaña especial do Día da Nai, unha iniciativa pensada para premiar a fidelidade das persoas que apostan polo comercio local para celebrar estas datas tan sinaladas.

Nesta ocasión, os cheques —valorados en 100 euros cada un— foron entregados aos tres gañadores do sorteo que, aínda que non residen en Carballo, decidiron facer as súas compras nos establecementos adheridos ao CCA, demostrando así que o atractivo e a calidade do noso comercio vai máis alá do ámbito local.
Os premiados foron: José Lago (Dumbría), Belén González (Coristanco) e Lorena Palleiro (A Laracha). A entrega dos vales tivo lugar o pasado venres pola tarde, nun dos comercios asociados ao CCA. A campaña desenvolveuse ao longo dos días previos á celebración do Día da Nai e contou coa participación de 38 establecementos, que repartiron máis de 5.000 papeletas entre a súa clientela.

 

Biosaúde

BioSaude_CCA Carballo

Pero o CCA non para, e tras ter que adiar a xornada de Biosaúde por mor do mal tempo, rertoma a celebración para esta fin de semana de sábado 24 e domingo 25 de maio. A Praza do Concello acollerá este espazo arredor da saúde, o benestar e o respecto pola natureza..

O evento, que se celebrará ao aire libre, pretende ser un espazo de encontro arredor da saúde, o benestar e a natureza, reunindo a doce expositores, na súa maioría locais, procedentes dos sectores da alimentación, cosmética natural, moda sostible, terapias alternativas, nutrición ou produtos de hixiene e limpeza sostible.

Ademais da zona de expositores, que estarán situados no corredor da Praza do Concello, durante toda a fin de semana celebraranse actividades paralelas encamiñadas a concienciar a sensibilizar á poboación sobre diferentes aspectos relacionados coa nosa saúde e o medio ambiente. Así, desde o sábado pola mañá, o público que o desexe poderá asistir á diferentes charlas sobre saúde, nutrición, cosmética natural e estilo de vida sostible, a cargo de profesionais especializados nas diferentes materias. Tamén haberá actividades interactivas e recreativas para o público infantil e adulto, pensadas para fomentar a sensibilización e a educación ambiental. E xa, o domingo pola mañá, terá lugar un showcooking con receitas saudables elaboradas con produtos naturais e de proximidade.

II Pequefeira: volven os/as pequenos comerciantes

Como parte da programación do domingo 25, os máis pequenos/as da casa terán de novo a oportunidade de vivir de a experiencia de ser comerciantes por unhas horas, fomentando a creatividade, a autonomía e o espírito emprendedor nun contexto lúdico e educativo. Será de 12:00 a 14:00 h, na propia Praza do Concello, previa inscrición a través do enderezo eléctrónico da asociación. Para participar será necesario acudir con produtos artesanais e/ou reciclados, e que sexan respectuosos co medio ambiente.

Comentarios