O Certame de Fotografía Xosé Manuel Eirís marcha a Cuenca
Fai público hoxe o Concello de Carballo o fallo da 24ª edición do Certame de Fotografía Xosé Manuel Eirís. E o gañador do primeiro premio é José Ramón Luna de la Ossa (1974), de Tarancón (Cuenca), cunha foto titulada “Miedo después del miedo”, pola que recibirá 1.500 euros e diploma.
Dase a circunstancia de que falamos dun técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Fotografía Artística, que ten particiado en máis de 600 exposicións individuais e colectivas, e ten recibido máis de 400 premios, bolsas e recoñecementos nacionais e internacionais.
Por iso, non é de extrañar a elección do xurado de entre as 100 obras presentadas por un total de 44 autores.
O segundo premio (750 euros), é para a fotografía titulada “La extraña pareja”, dun habitual participante como Juan Rodríguez Pazos (a Estrada). A larachesa Sandra Ramilo Rodo cunha imaxe titulada ”Crise enerxética”, recibirá 500 euros e diploma, patrocinado por Interfilm Carballo. Este ano tamén se entregará un accésit de 300 euros e diploma a Francisco López López, de Viveiro, pola súa obra “Calma chicha”.
A entrega dos premios terá lugar o venres 13 de maio, ás 20.00 horas, no 3º andar do Pazo da Cultura. No mesmo acto será inaugurada a exposición das obras gañadoras e dunha selección realizada polo xurado entre todas as presentadas a esta 24ª edición do certame.
O xurado estivo integrado nesta edición por:
- Marcos Trigo Facal, concelleiro de Cultura, coma presidente;
- Beatriz Neira Varela, en representación da Asociación Cultural Ría de Lema;
- Ángel Cordero Gómez, fotógrafo e profesor da Escola de Imaxe e Son da Coruña;
- Carlos Fernández Pardellas, fotógrafo;
- Carlos Lorenzo Pérez, fotógrafo, creador audiovisual, xestor cultural e presidente da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural;
- María Marticorena Cabezas, licenciada en Belas Artes, profesora de Educación Plástica Visual e artista performer.
- Carmen Castro Pombo, xefa do Servizo de Cultura do Concello de Carballo, que actuou coma secretaria do xurado.