A comarca de Bergantiños concéntrase trala agresión machista de Sísamo
Conmocionada está a comarca de Bergantiños ante a terrible agresión machista acontecida onte en Sísamo, Carballo. Se ben o agresor foi detido tras entregarse na Comandancia da Coruña, e está previsto que pase a disposición xudicial mañá, no xulgado de Instrución nº1 desta localidade, que é o competente en materia de Violencia sobre a Muller, a comunidade quere expresar a súa total repulsa, e dende varios concellos convocan concentracións.
Así acontece nos Concellos de Ponteceso, Coristanco, Malpica e A Laracha que convocan sendas concentracións. A de Ponteceso diante da Casa consistorial ás 10:00h e a de Malpica ás 11:00h na praza Anselmo Villar Amigo. A veciñanza dA Laracha concentrararase ás 21:00h diante da casa do Concello.
Tamén o Concello de Carballo convoca unha concentración que se celebrará hoxe martes ás 19 horas na Praza do Concello. Aproveitando o pleno de onte, e con toda a corporación en pé, o alcalde, Evencio Ferrero, procedeu á lectura do seguinte texto, apoiado por todos os grupos políticos:
“Dende este salón de plenos, no nome de toda a sociedade carballesa e co desexo dunha pronta recuperación, queremos facerlle chegar a Alejandra toda a forza do pobo de Carballo, e queremos convidar aos nosos veciños e veciñas a concentrarse mañá martes, ás 19.00 horas na Praza do Concello como mostra da solidariedade de toda a veciñanza e como símbolo do compromiso do pobo de Carballo contra as violencias. Volvemos rexeitar a violencia de xénero e condenamos a brutal agresión machista que vén de sufrir a nosa veciña. Esa brutalidade, que hoxe sufrimos todas e todos, cunha nai de familia, unha irmá, unha filla, unha amiga... debaténdose entre a vida e a morte. E iso ten que facernos reflexionar sobre todos os casos de violencia de xénero que se producen cada día á nosa beira e que permanecen agochados dentro dos fogares, nese ámbito do que hai quen non quere que saian porque seguen negando a evidencia dunha violencia que agride, e tamén mata, ás mulleres polo simple feito de selo”.
Do mesmo xeito, a comunidade educativa do IES Alfredo Brañas quixo protagonizar esta marcha:
Alumnos do IES Alfredo Brañas de #Carballo #ContraAViolenciaDeXenero. #NinUnhaMáis #xuntxsmáisfortes @carballo_gal @quepasanacosta @buseranas @AsociacionNosas @CirFeminista @bng_carballo pic.twitter.com/izZyCgcLMl
— Rebelión Aluminio 🔻 (@RebelinAluminio) May 31, 2022
Os Concellos lembran, igualmente, que as vítimas de violencia de xénero poden solicitar axuda e atención inmediata e especializada no teléfono gratuíto 016 (600 000 016 a través de Whatsapp) e o correo electrónico [email protected].