Luns. 29.04.2024
El tiempo

O Concello de Carballo consegue o 100% dos fondos europeos solicitados para o proxecto “Cicl-Ando Carballo”

Imaxe da presentación da concesión dos fondos europeos para o proxecto "Cicl-Ando Carballo".
Imaxe da presentación da concesión dos fondos europeos para o proxecto "Cicl-Ando Carballo".
O Concello de Carballo consegue o 100% dos fondos europeos solicitados para o proxecto “Cicl-Ando Carballo”

No primeiro pleno deste mandato o concello de Carballo quixo simbolizar o seu compromiso co medio ambiente e co desenvolvemento da Estratexia 2030 a través a solicitude de fondos europeos para dous proxectos singulares que permitirían reducir a pegada de carbono. O IDAE (Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía) vén de comunicar a concesión do 100% da cantidade solicitada para o proxecto “Cicl-Ando Carballo”, que inclúe o acondicionamento de 18 quilómetros de sendas peonís e ciclistas, unha rede de aparcamentos seguros para bicicletas e unha campaña de sensibilización en mobilidade sostible. O orzamento acada os 2.141.618,86 euros e a Unión Europea achegará o 80%, o máximo posible.

O alcalde deu a coñecer o pasado venres 24  a boa nova, despois de transmitirlla tamén aos voceiros e voceiras dos grupos da oposición. Evencio Ferrero estivo acompañado polo concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane, e a concelleira de Planificación Urbana, Milagros Lantes. O alcalde expresou a súa satisfacción pola concesión deses 1.713.295 euros e lembrou que o Concello de Carballo xa conta con experiencia na xestión de fondos europeos, que tamén se conseguiron para a construción do Fórum e para a captación do Bardoso. Nesta ocasión hai 30 meses de prazo para converter “Cicl-Ando Carballo” nunha realidade.

O proxecto inclúe, por unha banda, a creación dunha rede de sendas ciclopeonís constituída por 9 treitos diferentes:

  1. Continuidade da senda da avenida de Bértoa ao polígono industrial, dende o treito que está a executar o Concello de Carballo para darlle continuidade polo interior do polígono ata a zona do complexo deportivo das Eiroas, o parque de bombeiros e centro social en construción. Serán 920 metros.
  2. Conexión do polígono industrial coa estrada de Razo: 805 metros.
  3. Conexión do carril bici existente na avenida de Razo co da avenida de Malpica: 1.950 metros.
  4. Mellora do carril bici xa existente entre as rúas Poñente, Fábrica e avenida de Malpica, no que, ademais, introducirase arborado: 1.499 metros.
  5. Conexión do centro urbano co colexio Artai, que tamén estará enlazado coas sendas de Razo e do polígono: 867 metros.
  6. Senda ciclo-peonil de regreso complementaria ao carril bici da avenida de Razo: 1.492 metros.
  7. Senda cicloturística Carballo-Razo: 7.326 metros.
  8. Conexión do centro urbano coa senda ciclo-peonil da avenida de Bértoa: 531 metros.
  9. Senda perimetral do polígono industrial de Bértoa, para dotar á zona verde dun itinerario lúdico-deportivo que enlaza co centro urbano e co resto da rede ciclista: 2.195 metros.

 

A rede de sendas vai máis alá do ámbito urbano e terá, ademais da funcionalidade de lecer ou turística, a de facilitar os desprazamentos por motivos laborais ou escolares. Como complemento crearase unha rede de aparcamentos seguros para bicicletas en dez enclaves diferentes. Entre ambas as medidas conseguirase unha redución no consumo enerxético de enerxía final do 15,52%. O proxecto inclúe, por último, unha campaña de concienciación en mobilidade sustentable.

Comentarios